"Galiza non ten rei": Protesta en Compostela pola entrega da Medalla da Galiza a Leonor de Borbón
Perto dun cento de persoas concentráronse esta segunda feira na compostelá praza de Fonseca, ao pé do Obradoiro, convocadas por Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, para protestar contra a concesión da Medalla de Ouro da Galiza a Leonor de Borbón e rexeitar a monarquía española. Un acto que decorreu mentres a poucos metros a herdeira do trono español recibía do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a máxima distinción da comunidade.
"Estou aquí porque como cidadá galega indígname que se lle dea a máxima Medalla do noso país a unha institución que, á parte de ser totalmente antidemocrática, representa a ocupación do Estado español sobre o noso país", explica a Nós Diario Laura Piñeiro, unha das mozas e mozos que na mañá desta segunda feira se manifestaba en Compostela contra a monarquía e a favor da República Galega.
"Que lle outorguen a Leonor [de Borbón] unha medalla que está para recoñecer os servizos á Galiza é, cando menos, sorprendente". Laura Riveiro, de Vigo e que actualmente está preparando oposicións, asistiu á concentración convocada por Galiza Nova para mostrar o seu rexeitamento á concesión deste galardón á Borbón e a súa oposición á monarquía española. "Non creo na monarquía en xeral, e menos aínda cando vén á Galiza", apunta a Nós Diario.
Na concentración na praza de Fonseca destaca unha faixa xigante co lema "Galiza non ten rei; avante sen tregua República galega". Ao redor dela, mozos e mozas e tamén a vicepresidenta do Parlamento galego, Montse Prado, e outras deputadas do BNG nesa Cámara, como Iria Carreira, Iago Suárez, Brais Ruanova ou Paulo Ríos.
Tamén estivo o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego. "Onde están os méritos de Leonor para recibir a medalla da Galiza?", cuestionou Rego, "que fixo por este país?". Para o representante do BNG no Congreso, outorgar este galardón a unha representante da monarquía española que nada fixo pola Galiza "degrada a propia condecoración". "É meritorio que Galiza Nova tome a iniciativa de mostrar que o pobo galego non ten rei", concluíu.
Pola súa parte, Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, afirmaba que "á Galiza non a representa ningunha princesa" e enmarcaba a concentración desta segund afeira no marco das mobilizacións convocadas contra a presenza de Leonor de Borbón na Galiza, a primeira das cales tivo lugar a semana pasada en Ferrol e que continúan esta cuarta feira en Marín (O Morrazo) cunha protesta contra o nomeamento da Borbón como filla adoptiva.
"A monarquía é unha institución anacrónica, profundamente antidemocrática e que nos oprime como pobo", afirmou Gómez, que cualificou de "coherente" a decisión da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín (BNG), de non estar presente na entrega da medalla a Leonor de Borbón. Unha ausencia criticada polo PP e o PSOE. A rexedora si estará o 24 de xullo na entrega do das medallas ao resto de persoas distinguidas -é a primeira vez que se parte en dous o acto de entrega de medallas, adaptándoo así a Xunta á axenda da Borbón-.
"O PP dálle esta medalla a Leonor para branquear unha institución que non quere ninguén", apuntaba a este diario Manuel Agra, estudante de Valdeorras, presente na mobilización. Iria Castro, tamén estudante, participaba no acto por considerar que "é necesario mostrar o noso rexeitamento a unha institución como é a monarquía española", mentres que Lois Froiz, mozo traballador de Compostela, defendía que concentracións como esta "denuncian o lavado de imaxe que se quere facer da monarquía" e serven para "amosar que Galiza non ten rei". Durante a concentración, que se prolongou ao redor de media hora, abundaron cánticos e consignas contra a monarquía española e a favor da República galega.