Formoso (PSdeG) cualifica a Lorenzana (PP) como " mellor conselleira de Industria"
O alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña confesou ser 'hoolifan' da conselleira.
Esta sexta feira a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou a convocatoria de novas liñas de axuda do Fondo de Transición da Xunta para atraer grandes proxectos industriais. Como remarcou a conselleira, o obxectivo é "impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama".
No acto estivo presente Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña. Durante a súa intervención o rexedor agradeceu a iniciativa da conselleira, eloxiando o seu labor á fronte da Administración, apuntando a Lorenzana como "a mellor conselleira de Industria". Formoso sinalou que "non son 'hooligan' de nada, pero de Chus Lorenzana, si". Neste senso, quixo dedicarlle unhas palabras ao presidente da Xunta, "grazas Rueda por nomeala".
O pleno, encabezado por Formoso, aproba premer á Xunta
O pleno municipal das Pontes desta quinta feira aprobou, por unanimidade, solicitar á Consellería de Cultura da Xunta a suspensión cautelar das obras de desmantelamento nas instalacións da central térmica de Endesa.
Unha medida que busca protexer especificamente o Parque de Carbóns, ante a posibilidade de que sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
O acordo, pactado entre o Goberno local, a cargo do PSOE, dos dous grupos na oposición, BNG e PP, e a Plataforma para a Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes, instará á Dirección Xeral de Patrimonio a axilizar o expediente aberto o pasado mes de decembro e a ditar unha orde de paralización inmediata das tarefas de derriba.
Segundo fontes da plataforma, o obxectivo é evitar que os traballos de desmantelamento xeren danos irreversíbeis antes de que se resolva se o complexo posúe valor histórico e cultural suficiente para a súa protección oficial.