A Fiscalía do Tribunal de Contas investiga "subvencións encubertas" durante a etapa do PP no Goberno de Noia

O ex alcalde e actual portavoz do PP en Noia, Santiago Freire. (Foto: César Arxina / Europa Press)
O órgano de control aprecia varias "irregularidades".

A Fiscalía do Tribunal de Contas español abriu unha investigación por determinados pagamentos e facturas do Concello de Noia correspondentes ao exercicio 2019, durante a etapa de Santiago Freire (Partido Popular) á fronte da Alcaldía.

O escrito, ao que tivo acceso Nós Diario, apunta a unhas facturas por un importe de ao redor de 138.000 euros que "non foron contabilizadas por non ter consignación no exercicio no que se comprometeu o gasto".

Recóllese que, ademais "de carecer de crédito", o órgano de control "aprecia irregularidades en materia de contratación e subvencións". A Fiscalía sinala "subvencións encubertas" por parte do Concello de Noia a varios clubs deportivos da vila —cita un club de fútbol sala e outro de patinaxe—. Subvencións que se farían efectivas "mediante o pagamento do servizo de transporte para asistencia a partidos" ou tamén para participar "en competicións", así como a través da "impresión de 112 camisetas" para un club deportivo ou mesmo a través do pagamento do aloxamento dun equipo portugués que viña participar nun torneo de fútbol sala que se disputaba na vila noiesa.

Petición de documentación

O actual alcalde de Noia, Francisco Pérez (PSdeG), sinalou esta sexta feira, preguntado por Nós Diario sobre esta investigación,  que no Concello recibiran solicitudes de documentación por parte do Tribunal de Contas sobre esas facturas investigadas. "Sabemos que está aberto un expediente por esas cuestións e non é o único que investiga o Tribunal", indicou o rexedor noiés.

Non é esta a única cuestión baixo a lupa de órganos fiscalizadores. A principios do pasado mes de novembro, o Concello de Noia remitía á Fiscalía e ao Tribunal de Contas as facturas que o grupo municipal do PP cargou ás arcas municipais por consumicións en bares e restaurantes baixo o mandato do ex alcalde Santiago Freire (PP).

O rexedor tiña xa no seu poder o informe xurídico que solicitou sobre as facturas e tíckets que, con cargo á asignación municipal anual, o PP cargou ao Concello entre 2019 e 2024 por consumicións en bares e restaurantes (algunhas con militantes e simpatizantes do partido) e por outros conceptos (como papeletas para eleccións) que o Goberno local entende que non poden considerarse gastos de funcionamento do grupo municipal. Conceptos, que, en varias ocasións, foron obxecto de reparos por parte do departamento de Intervención.