Fernando Blanco, ex conselleiro: "Non podemos ser unha colonia enerxética, temos que ter unha política propia"
Cal era o sentir naquel momento do comezo da lexislatura do Goberno galego do PSdeG e do BNG?
Había entón a esperanza de que as cousas mudarían. Levaba moito tempo gobernando o PP e era a oportunidade de darlle un cambio á actividade política e de pór en marcha un proxecto de país. Esa era a esperanza que tiñamos, mudar certas cousas sendo conscientes de que ter o Goberno non é ter o poder, o poder está moi dividido entre poder económico, mediático e tamén social, e o PP levaba moitos anos no exercicio do goberno e iso dáballe unha situación de poder bastante máis grande que o simple feito de ter o Goberno.
Entre as súas accións no Goberno galego, o concurso eólico tivo moita repercusión. Como definiría ese modelo que despois eliminou Alberto Núñez Feixoo e que tería mudado na situación actual?
Unha das cuestións polas que loitamos era para que a enerxía xerada na Galiza rendese beneficios na Galiza, e unha parte importantísima era a participación pública. En primeiro lugar, quixemos crear unha empresa pública pero non tivo o apoio suficiente nin por parte do PP, que estaba en contra, nin tampouco do PSdeG que non era moi partidario da empresa pública. Optamos por facer un concurso no que unha das claves fose a porcentaxe de participación pública que se nos dera ás galegas e aos galegos a través da Xunta da Galiza. Era un elemento para empezar a mudar as cousas, senón estariamos diante dun modelo como o dos grandes encoros que temos, que nin cotizan aquí nin dan beneficios aquí e esencialmente todo o beneficio xerado vai fóra. Para nós iso era importante e era o que tiña unha oposición moi forte. E ademais que boa parte dese accionariado e esa participación na enerxía eólica estivera tamén a servizo do país e polo tanto tamén cunha participación do empresariado do país, isto non podía quedar de novo en mans das grandes enerxéticas e eléctricas porque xa sabiamos como funcionaban. Estes dous elementos puxeron en contra moitas forzas políticas e tamén moitos poderes económicos e mediáticos.
De aí o abrazo do presidente de Iberdrola, Ignacio Galán, e Núñez Feixoo na súa investidura como presidente da Xunta?
Indubidabelmente, o abrazo con Galán foi porque Galán gaña, ao gañar o PP Galán gaña e as empresas enerxéticas gañan na medida en que saben que no próximo reparto van ter máis peso e non vai haber participación pública, que era unha parte activa na xestión de toda esa enerxía. Iso era o que máis os asustaba, eles queren levar seus negocios á marxe desa participación pública porque están máis cómodos e evidentemente non reparten tanto os beneficios. Esa foi a gran batalla que se deu en termos ideolóxicos e políticos, un modelo totalmente distinto no que había participación pública ao que as grandes eléctricas e grandes grupos de poder se opoñen con esa obsesión de que era ilegal. Despois perderon, todas as sentenzas dixeron o concurso foi legal. E mesmo eles remataron cambiando o modelo tamén, porque até que nós puxemos en marcha o modelo eólico, eles o que facían era que o conselleiro daba como lle parecía o reparto dos megawatts.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza paralizou de forma cautelar máis de 70 parques eólicos, a Xunta culpa disto a Xustiza. Que está a acontecer?
O que está sucedendo é que se están incumprindo as ordenanzas e a lexislación vixente. É curioso como o PP antes protestaba por se algún parque podía ir en zonas da Rede Natura, e o salto cualitativo que deu, agora xa non lles preocupa nada o caso é poñelos onde sexa. É traballar ao servizo das grandes empresas enerxéticas sen querer mudar nada. Sorprendeume hai uns meses que Rueda dixera que vai crear unha empresa pública para a enerxía, e o propio PSdeG tamén o valora agora positivamente. O problema é que chegan 15 anos tarde, isto había que telo feito cando nós queriamolo facelo.
Tamén a eólica mariña leva camiño de converterse en conflito, como ve o seu desenvolvemento futuro?
O que non pode é entrar en choque co sector pesqueiro, porque non imos desfacer un sector importante na Galiza por seguir incrementando a capacidade de enerxía que xeramos no país. E sobre todo para que a xeramos, o problema é para que a xeramos, que control temos e que beneficios sobre ela.
A demanda enerxética vai medrar exponencialmente, pero o debate é de que nos serve ao país encher todo de muíños se despois non temos capacidade para xestionalos, para dirixilos nin para marcar unha política industrial propia. Ese é o gran debate, hai que analizalo con moita prudencia e saber para que. Non se trata de converter o país nun enorme xerador de enerxía. Non podemos ser unha colonia enerxética doutras zonas, temos que ter unha política propia. Temos nulo control sobre as empresas e o propio sector, iso hai que mudalo, ese é o gran debate.
Se vostede fose conselleiro de Industria, un proxecto como o da macrocelulosa de Altri tería chegado a onde está?
Non. Porque estamos a falar novamente de industrias de enclave, de empresas que veñen aquí a explotar os nosos recursos para que despois todos os procesos produtivos e de transformación estean fora. Altri nunca pode ser unha alternativa para o país a nivel industrial, non o é e de feito estou seguro de que non o vai ser. Non vai ir para adiante por moitas razóns. É un sistema absolutamente colonial o da explotación dos recursos enerxéticos no país.
E a fábrica de Alcoa na comarca da Mariña?
Este é un problema que vén de hai moito, houbo certo desinterese tamén polos propietarios. É unha empresa que precisaba actualizarse e modernizarse e facer melloras nas instalacións pero que pode ser produtiva. Alcoa tivo un impacto económico moi importante na Mariña, e segue a telo, estamos a falar de industrias que son electrointensivas e tamén temos capacidade para producir esa enerxía, e é cara a onde ten que ir dirixido. Que o uso da enerxía que producimos vaia dirixido ao impulso da produción e ao crecemento industrial do noso país é o que temos que facer. O que non pode ser é que veñan aquí a extraernos os recursos nun sistema absolutamente colonial. Xa sei que non lles gusta moito escoitalo, pero é así.
Logo de 20 anos, que tres logros salientaría daquel bipartito do que formou parte
O Banco de Terras foi un logro importante, tamén na política social houbo logros importantes e o bipartito supuxo un cambio na mellora da atención social, o modelo do concurso eólico significou un cambio substantivo na política enerxética do país e o seu impacto sobre a industria e o crecemento. Tamén en política de vivenda houbo cambios substantivos sobre o territorio e mesmo nos parques industriais e empresariais, unha política de vivenda que abandonou o PP nestes anos, fixemos nós máis política de vivenda en catro anos que o PP en 20.
Como lembra aquela campaña electoral da primeira vitoria de Alberto Núñez Feixoo en 2009?
Galiza foi daquela en certa maneira un terreo experimental para todo o que se veu aveciñando despois, os bulos e as fake news que agora estamos vendo por aí, na Galiza xa as vivimos hai 20 anos.