Fernández Lores denuncia a "grave discriminación" da Deputación cara ao Concello de Pontevedra

Miguel Anxo Fernández Lores. (Foto: Concello de Pontevedra)
O alcalde de Pontevedra subliña que a súa intención "non é entrar en guerras entre institucións", mais defende que o seu "primeiro deber é protexer os intereses de Pontevedra e exixir o debido respecto ao status do concello".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu esta sexta feira unha carta ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, na que denuncia a "grave discriminación" que, ao seu xuízo, sofre a cidade na repartición de axudas da institución. O rexedor sostén que a capital "perdeu peso" nas transferencias da institución en comparación con anos anteriores e con municipios de menor poboación.

Na misiva achega unha serie de datos extraídos da contabilidade oficial da Deputación na que se constata que Pontevedra pasou de ocupar o segundo posto na distribución de fondos do plan da institución en exercicios anteriores a situarse en décima posición en 2024. Trátase "dunha cuestión de dignidade e respecto cara ao Concello de Pontevedra", que debe "defender o seu status de capital da provincia", afirma o alcalde.

A liquidación dos orzamentos da Deputación de 2024 revela que 10 municipios recibiron máis fondos que Pontevedra: Vigo (7,6 millóns de euros), Lalín (3,2 millóns), Vilagarcía (3,1), A Estrada (2,95), Tomiño (2,65), Sanxenxo (2,62), O Porriño (2,57), Moaña (2,53), Marín (2,53) e Ponteareas (2,52 millóns). A asignación á cidade do Lérez situouse en 2,5 millóns de euros.

"Non se trata dunha disputa partidista nin moito menos dunha discusión por uns miles de euros máis ou menos", aclarou Lores, subliñando que nesa lista hai concellos de todos os signos políticos. Na carta enviada a Luís López, o alcalde lembra que desde 1999 até 2023 a Deputación "sempre tivo a consideración de tratar o Concello de Pontevedra como lle corresponde" pola súa capitalidade e poboación.

Un trato, di, que se mantivo tanto baixo presidencias do PP como na etapa de coalición PSdeG-BNG. "Nunca outros concellos con moita menor poboación e sen o status de capitalidade pasaran por diante de Pontevedra nas cantidades transferidas", lamenta. Lores cita como exemplo de colaboración institucional nas etapas das presidencias de Manuel Abeledo, Rafael Louzán ou Carmela Silva. "Sempre existiu respecto e equilibrio institucional", sostén.

O alcalde tamén cuestionou os 30 millóns de euros en investimentos que a Deputación asegura destinar a Pontevedra. Ao seu xuízo, esa cifra está "inchada" con partidas que non corresponden ao Concello. Durante a súa comparecencia ante os medios tamén deslizou un reproche ao portavoz do PP en Pontevedra e vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez. "Hai un deputado de Pontevedra que está na Deputación e traga con todo o que di o presidente", afirmou sen citalo directamente.

Así mesmo, denunciou que as axudas extraordinarias diminuíron desde o cambio de goberno na Deputación e puxo como exemplo o Mundial de Tríatlon, que recibiu 100.000 euros da institución, fronte aos 500.000 que achegou a Deputación en anteriores edicións baixo o mandato do PSdeG e o BNG.

No seu escrito, Fernández Lores subliña que a súa intención "non é entrar en guerras entre institucións", mais defende que o seu "primeiro deber é protexer os intereses de Pontevedra e exixir o debido respecto ao status do concello". O alcalde declárase disposto a colaborar asegurando que "nós tendemos a man para chegar aos acordos que fagan falta" en aras de "restabelecer o equilibrio institucional".