A Fegamp ve "carencias" no acordo do SAF alcanzado coa Xunta

Comisión Executiva da Fegamp, o pasado 20 de xaneiro. (Foto: Fegamp)
O BNG pide a Abel Caballero que rexeite o pacto sobre o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar.

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) recoñeceu "carencias" no acordo alcanzado coa Xunta da Galiza para o financiamento do  Servizo de Axuda no Fogar (SAF), asegurando que "palia en parte as dificultades económicas" provocadas  nos concellos polo seu custo e "permite avanzar cara á solución definitiva". O pacto entre ambas as administracións estabelece unha suba a 16 euros/hora en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros en 2028.

As declaracións da Fegamp veñen após na quinta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificara o pacto de "trágala" para os Consistorios. Precisamente, a formación nacionalista descolgouse da executiva da Fegamp do acordo, que foi apoiado polos rexedores do PSdeG e do Partido Popular. O presidente da Fegamp, Alberto Varela (PSdeG), apelou á "responsabilidade" e ao "rigor" á hora de afrontar a problemática do SAF, "respectando as evolucións negativas e as críticas" mais "non compartíndoas", ao considerar que "negan e obvian a realidade dunha negociación moi difícil sobre un asunto moi complexo como é o SAF".

Precisamente, o BNG de Vigo reclamou ao Goberno local de Abel Caballero que rexeite o acordo atinxido entre a Fegamp e a Xunta da Galiza, ao consideralo "gravemente prexudicial" para a cidade e para as persoas usuarias e traballadoras e traballadores do servizo. O portavoz nacionalista na cidade, Xabier Pérez Igrexas, lembrou que en Vigo o SAF ten un custo real superior aos 24 euros por hora, dos que a metade están sendo asumidos polos orzamentos municipais.