A Fegamp convocará unha xuntanza para exixir que a AP-9 sexa gratuíta

Alcaldesas e concelleiras, esta quinta feira, nas xornadas da Fegamp. (Foto: Concello de Ames)
Goretti Sanmartín cancela a reunión de Compostela para unirse á da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) convocará en breve unha xuntanza  coa intención de consensuar entre as institucións que a conforman unha postura común para realizar unha reclamación conxunta pola gratuidade da AP-9. 

Neste sentido, a alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, desconvocou esta terza feira a reunión prevista para pasadomañá á que chamara a participar os municipios vinculados ou atravesados pola autoestrada, e anunciou que a capital galega se sumará a esta convocatoria. 

Neste sentido, Sanmartín insistiu en que o obxectivo común desta reunión debe ser "impulsar unha fronte de país sen localismos", unha visión que, segundo destacou o Goberno local a través dun comunicado, comparten os alcaldes e as alcaldesas cos que mantivo contacto nesta última semana. 

Sanmartín lanzara esta convocatoria despois de que sete localidades da contorna entre Compostela e Padrón (O Sar) selasen en Ames un manifesto para demandar a constitución dunha mesa de traballo co Ministerio para exixir a gratuidade da autoestrada.

O vicepresidente e portavoz do PP na Fegamp, Ángel Moldes, respecto ao 'cumio municipal' criticou a través dunha nota de prensa que a xuntanza deste organismo saíra á luz "sen diálogo algún co Partido Popular" e pediu ao presidente da entidade, Alberto Varela, que "recapacite e dialogue co PP, e despois que se fale non só da gratuidade, senón tamén de transferencia da autoestrada". 

Para Moldes, "PSOE en conivencia co BNG, emprega a Fegamp como se fose a sede socialista, como unha plataforma política e non institucional, na que non se conta co PP".