Exixen o cese de Barba tras sinalar as vítimas polos asasinatos machistas

Roberto Barba, Noa Presas e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)
O director xeral da Xunta defende as súas polémicas palabras.

As alegacións a un informe de fiscalización do Consello de Contas -transcendidas esta quinta feira- asinadas polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta da Galiza, Roberto Barba, sinalando que un dos “detonantes” dos casos de violencia contra as mulleres é “a decisión dela [da muller] de deixalo e pór fin á relación que mantiñan [ela e o agresor]” provocaron esta sexta feira que BNG e PSdeG pedisen a súa dimisión ou cesamento, que a deputada do BNG estendeu tamén á conselleira de Política Social, Fabiola García.

A deputada do BNG Noa Presas pediu esta sexta feira en rolda de prensa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “que cese de inmediato os máximos responsábeis da loita contra a violencia machista”. O BNG considera “escandalosas” as alegacións remitidas por Barba ao Consello de Contas nas que, afeou Presas, “se argumenta que a decisión das mulleres de deixar aos seus agresores actúa como espoleta de moitos casos de violencia”, o que ao seu ver implica “responsabilizar a vítima”.

A parlamentaria nacionalista destacou tamén o conexto no que se produciu esta afirmación: "Non son unhas declaracións que este señor fixera na barra dun bar, é que son unhas alegacións por escrito, asinadas de puño e letra por un responsábel político da Xunta, o que revirte aínda máis gravidade". De feito, subliña, "a resposta que o propio Consello de Contas dá é demoledora, deixando claro que non hai pé a introducir semellante argumentación".  Presas, que ve "incapacitados" tanto a Barba como a García, chamou a destinar 1% do orzamento da Xunta a combater a violencia contra as mulleres, o que suporía 130 millóns de euros anuais fronte aos 26,5 que recollen as contas de 2025; ademais de a "reverter a privatización de servizos públicos como os centros de crise".

Tamén esta sexta feira o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu publicamente desde un acto en Lugo “a dimisión inmediata” do director xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero da Xunta, logo dunhas afirmacións que cualificou de “gravísimas”, xa que "poñen en dúbida o papel da prevención nos asasinatos machistas e vinculan a violencia co feito de que as mulleres rompan as relacións”. Dixo Besteiro que Barba “debería deixar o cargo hoxe mesmo”, dado que este episodio "é a punta do iceberg dunha forma de entender a violencia machista que ten cada vez máis peso na Xunta".

Tamén fixo alusión ao informe de Contas, que "alerta de que se están desmantelando as políticas públicas de prevención e sensibilización contra a violencia machista". Neste senso, destacou que o Goberno galego "deixou sen executar máis de 10 millóns de euros procedentes do Pacto de Estado".

"Sacado de contexto"

A conselleira Fabiola García saíu esta sexta feira ao paso da polémica, a través dunha mensaxe de audio remitida aos medios, cualificando de "intachábel" a "dilatada traxectoria" de Roberto Barba, e acusou a oposición de crear "unha polémica ficticia, xerada con mala intención", e alegou que se trata dunha "interpretación sacada de contexto", se ben o certo é que o director xeral deixou esas palabras plasmadas nun documento oficial. O propio Barba tamén se manifestou onte defendendo que a Xunta "non pon o centro de atención na vítima; ao contrario", e incidiu en que a denuncia "é a única forma de protexer a integridade". E a súa afirmación, dixo, é "un dato obxectivo", e a sensibilización, o elemento "máis importante" nesta loita.