Norberto Uzal, o ex director xeral de Rueda que agora afronta unha petición de 53 anos de cárcere
Norberto Uzal foi durante anos unha das persoas máis próximas a Alfonso Rueda, quen o designou director xeral de Administración Local da Xunta en 2009 tras telo como colaborador desde a súa etapa no Concello de Cambados. A Audiencia Nacional investígao agora por unha presunta fraude fiscal de 154 millóns.
A vindeira segunda feira arranca na Audiencia Nacional unha das maiores causas por fraude fiscal da historia do Estado español. No procedemento xúlgase unha trama no sector dos hidrocarburos que supostamente eludiu o pago de 154 millóns de euros á Facenda Pública entre os anos 2016 e 2019. A investigación xudicial sitúa no centro da mesma á mercantil petroleira Hafesa e a unha ducia de sociedades ligadas a esta compañía que non soportaban IVE cando adquirían hidrocarburos, pero en cambio si que repercutían o devandito imposto na práctica totalidade das vendas realizadas.
A instrución recolle, tal e como avanzou Nós Diario na súa edición do 9 de xuño de 2021, que os feitos executados pola trama tiñan como obxecto "evitar intencionadamente o ingreso na Facenda Pública do IVE xerado na comercialización de hidrocarburos". Ao incorporar o IVE repercutido ao seu patrimonio, "obtiveron un maior beneficio nas súas operacións comerciais de venda", ademais dunha certa "monopolización" do mercado ao erradicar, polo menos parcialmente, "a competencia de terceiros incapaces de ofertar un prezo igual ou inferior ao seu, pois a mercadoría vendíase por baixo do prezo de custo".
A investigación xudicial sinala que as cotas presuntamente defraudadas a través das sociedades instrumentais "foron sometidas a un proceso de branqueo de capitais por un total de 46,5 millóns de euros, dos cales aparece identificada a finalidade última respecto de case 30 millóns". Neste sentido, apunta que os principais destinos deses fondos foron a compra de criptomoedas (5,37 millóns); transferencias a posicións no estranxeiro (5,37 millóns); efectivo (5,71 millóns); investimento en inmobilizado (3,13 millóns); compra de vehículos (1,95 millóns); cheques e talóns (1,52 millóns de euros), e investimento noutras empresas.
Os principais acusados neste procedemento son Alejandro Hamlyn e José Norberto Uzal Tresandí, para os que a Xustiza reclama unha petición máxima de cárcere de 53 anos e multas millonarias por tres presuntos delitos de organización criminal, contra a Facenda Pública e de branqueo de capitais. O primeiro deles, actualmente en paradoiro descoñecido e que probabelmente non comparecerá no xuízo, era o presidente do grupo Hafesa, mentres o segundo exercía como conselleiro delegado da empresa en 2019, tras entrar na compañía en novembro de 2016 como director da asesoría xurídica e alcanzar a dirección xeral en agosto do ano seguinte.
Uzal chegou a Hafesa tras unha intensa actividade política iniciada nos seus anos universitarios en Compostela en organizacións da extrema dereita, que o levou en 1994 a concorrer como candidato da Falange Española Independiente ás eleccións europeas. Porén, o seu labor pública entrou nunha nova fase en 2002, cando foi contratado para a asesoría xurídica do Concello de Cambados (O Salnés), daquela liderado por un dos pesos pesados do Partido Popular na zona e actual presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, quen xogou un papel chave, tamén, na carreira política de Alfonso Rueda.
O círculo de Rueda
A traxectoria pública Uzal non se explica sen Rueda, secretario do Concello de Cambados desde 2003, con quen traballou neste municipio do Salnés unha vez que o actual mandatario galego cesou como director xeral da Administración Local da Xunta en 2005. Precisamente, os anos de Uzal e Rueda en Cambados estiveron marcados pola polémica urbanística, chegando a cuestionar a Dirección Xeral do Urbanismo do Goberno galego, naquela altura presidida por Emilio Pérez Touriño, a legalidade de determinadas actuacións nesta materia do Executivo local.
A elección de Alfonso Rueda como secretario xeral do PP en 2006 por Alberto Núñez Feixoo deulle un novo impulso á proxección de Uzal. Así, en 2007 foi nomeado director xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), no marco dun acordo entre PP e PSdeG que levou á Presidencia da entidade o rexedor socialista de Ames, Carlos Fernández. Directivos da Fegamp daquela etapa consultados por Nós Diario presentan a Uzal como "un home de Rueda que actuaba como un comisario político do PP".
Director xeral
Unha vez designado como conselleiro da Presidencia por Núñez Feixoo en abril de 2009, Rueda non dubidou en nomear Uzal como director xeral da Administración Local, quen estivo no cargo até o remate da lexislatura. Tras a vitoria dos populares nos comicios de outubro de 2012, Rueda mantívoo na responsabilidade, até a súa renuncia en novembro de 2013 –forzada, segundo as fontes consultadas por Nós Diario, por Feixoo, como consecuencia dun informe elaborado para o expediente sancionador contra a secretaria do Concello de Palas de Rei (A Ulloa), finalmente anulado polo Tribunal de Xustiza da Galiza–.
O PP de Rianxo
A saída de Uzal do Goberno galego non significou a súa ruptura con Rueda nin co PP. Nas eleccións de maio de 2015 resultou elixido concelleiro polos populares en Rianxo (O Barbanza), mais en marzo do ano seguinte renunciou á acta, tras un labor de oposición moi discreto. A súa presenza nas listas do PP rianxeiro sempre xerou sorpresa por carecer de vínculos persoais coa localidad.
Pazos Couñago sae en defensa de Uzal na Cámara ante a sorpresa da oposición
O sucesor de Norberto Uzal á fronte da Dirección Xeral da Administración Local da Xunta da Galiza en 2013 e actual voceiro do grupo parlamentario do Partido Popular, Alberto Pazos Couñago, saíu onte na Cámara galega en defensa do antigo directivo do grupo Hafesa, para quen a Xustiza reclama unha petición máxima de cárcere de 53 anos e multas millonarias.
Pazos Couñago afirmou, en resposta a unhas afirmacións da deputada socialista Lara Méndez sobre a situación procesual de Uzal, que "se acusou aquí a un ex alto cargo da Xunta da Galiza de corrupción; a un director xeral de Administración Local, ao que ademais tiven a honra de suceder, e que eu saiba non ten condena de ningún tipo relacionada coa corrupción, a pesar de aquí foi sinalado directamente con nomes e apelidos".
O voceiro popular reclamou onte á parlamentaria socialista que rectificase as súas palabras sobre o antigo director xeral designado por Alfonso Rueda durante o primeiro Goberno de Feixoo, defendendo a actuación de Uzal, "unha persoa que dimitiu e que se incorporou aos seus labores profesionais ordinarios previos á súa entrada en política". Pazos tamén cargou contra o PSdeG por tentar "dar leccións en materia de como actuar ante a corrupción".
A defensa de Uzal realizada onte por Pazos Couñago no Parlamento xerou sorpresa entre os grupos da oposición. A este respecto, fontes do BNG e do PSdeG consultadas por Nós Diario din non entender a reacción do voceiro popular e lígana a consideracións de orde persoal fóra do debate político