O español convértese no quinto estado que confirma a súa retirada de Eurovisión se participa Israel

O presidente de RTVE, José Pablo López. (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press)
Así o deron a coñecer desde RTVE tras a reunión esta terza feira na que José Pablo López elevou esta proposta ao Pleno do órgano de goberno da Corporación pública.

O Consello de Administración de RTVE aprobou a proposta do presidente, José Pablo López, de retirar o Estado español do Festival de Eurovisión 2026, que decorrerá en Viena (Austria), se a Unión Europea de Radiodifusión (UER), encargada da organización, non expulsa Israel do certame.

Así o deron a coñecer desde RTVE tras a reunión esta terza feira na que José Pablo López elevou esta proposta ao Pleno do órgano de goberno da Corporación pública. O Consello componse de 15 membros: cinco elixidos polo PSOE, catro polo PP, dous por Sumar e os restantes por Junts, ERC, PNV e Podemos.

Con esta decisión, o Estado español convértese no quinto estado en confirmar a súa retirada de Eurovisión no caso de participar Israel. Antes fixérono os Países Baixos, Eslovenia, Islandia e Irlanda. Ademais, trátase do primeiro do coñecido como 'Big Five', os cinco estados que máis achegan economicamente á UER: Alemaña, o Estado español, Francia, Italia e o Reino Unido.

Neste sentido, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, pediu esta semana que Israel non poida participar en ningunha competición internacional "mentres dure a barbarie" en Gaza e que se lle apliquen as mesmas restricións que a Rusia neste sentido. Aínda que a UER sempre defendeu a neutralidade do concurso, si vetou a Rusia tras a invasión de Ucraína en 2022.

Israel rexeita retirarse

Pola súa parte, a cadea pública israelí rexeitou retirarse do festival. "Non hai razón para que Israel non siga sendo unha parte importante deste evento cultural, que non pode volverse político", defendeu o conselleiro delegado de Kan, Golan Yochpaz, nun evento de presentación do novo contido da cadea para este outono.

RTVE xa enviou unha carta en maio á Unión Europea de Radiodifusión (UER) na que solicitaba a apertura dun debate sobre a participación de Israel no festival. No comunicado, subliñaba a necesidade de recoñecer a división de opinións e facilitar un espazo de reflexión entre todas as emisoras e membros da UER.

"Creo que non se pode vivir de costas á realidade e pensar que o Festival de Eurovisión non ten unha dimensión política", dixo o máximo responsábel de RTVE en sede parlamentaria. "A neutralidade neste caso non debe asociarse á equidistancia e moito menos á indiferenza, nunca cando se trate de denunciar, como é neste caso, unha agresión como a que se está producindo en Gaza", subliñou López.