Só ESTá DISPOSTA A "TRATAR" A INTEGRACIóN DE IPU NO MARCO FIXADO A SEXTA FEIRA

Encontro pola Marea Galega nega que se abra un "novo proceso" cara á unidade

MArea galega

Nas últimas horas houbo un certo ruxe ruxe de que IpU e Marea poderían reconstituír o foro político falido a pasada sexta feira baixo novas premisas. Un comunicado da Marea Galega vén arrefecer as expectativas: "Non existe ningunha convocatoria que supoña a abertura dun novo proceso". O clamor do mundo da cultura parece que será desouvido.

 

Segundo puido saber Sermos Galiza, Iniciativa pola Unión deu traslado ao Encontro pola Marea Galega dunha proposta de reconstitución do foro político baixo a premisa de que se levantase o veto interposto por esta última plataforma á presenza de seis forzas políticas que participan en IpU [en concreto, Agora Galiza, PG, Terra Galega, PCPG, FOGA e Coalición Galega].

Esta mesma cuarta feira, nunha entrevista na Radio Galega, Rafa Cuíña, dirixente de Compromiso e membro da Coordenadora da IpU, deu por feito que as plataformas voltarían a se reunir esta sexta feira, nunha cimeira xa sen exclusións.

Estas expectativas non parece que se vaian cumprir de atérmonos á literalidade dun comunicado emitido esta mesma tarde polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega. O colectivo limítase a dicer que coñeceu a "vontade" da IpU de participar no foro político constituído por el e por 6 forzas políticas -Anova, Cerna, Compromiso por Galicia, Espazo, Equo, Esquerda Unida- e que tratará a proposta de incorporación "no seo do propio foro entre todos os axentes que o conforman".

Isto significa que a entrada no foro non é aberta, senón que está condicionada á aceitación de novos ingresos por parte dos distintos actores que o compoñen e á asunción dos que poderíamos cualificar como os seus pontos fundacionais, entre eles a vontade de se presentar "unidas tanto ás eleccións xerais como ás próximas autonómicas".

As dúas formulacións son distintas. IpU propón pór o contador a cero e ir a un foro aberto en que se podan discutir unhas novas bases. A Marea, en troca, ve o proceso xa fechado

Nas bases constitutivas deste foro non aparece ningunha referencia á forma concreta de concorrencia ás eleccións xerais -isto é, a presenza ou non de siglas e nomes de partidos nas papeletas- e a alusión que se fai á constitución dun grupo parlamentar é ambigua. Dise literalmente que "as/os deputadas/os funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentario". Isto é, non se di que se vaian constituír como tal nen que o vaian facer separadamente dun grupo parlamentar estatal.

Mentres, nun escueto comunicado, Iniciativa pola Unión informaba esta terza feira á noite sobre a súa disposición a "participar activamente no foro aberto dirixido a todas as forzas políticas e sociais que desexaren participar nel e avanzar no diálogo cara á conformación dunha candidatura galega de unidade popular".

Está claro que as dúas formulacións son distintas. IpU propón pór o contador a cero e ir a un foro aberto en que se podan discutir unhas novas bases. A Marea, en troca, ve o proceso xa fechado e condiciona calquer incorporación á aceptación dunhas premisas estabelecidas a pasada sexta feira nunha reunión na que non estiveron presentes nen IpU nen o Bloque, que non acudiron en protesta polos vetos interpostos.