A embaixada de Palestina agradece ao Concello de Pontevedra o seu apoio e compromiso á hora de exixir o cesamento das hostilidades en Gaza
O embaixador de Palestina no Estado español, Husni Abdelwahed, remitiu unha carta ao Concello pontevedrés agradecendo o apoio postrado pola corporación á causa palestina.
O Concello de Pontevedra recibiu esta semana unha carta do embaixador de Palestina no Estado español, Husni Abdelwahed, na que transmite o seu "máis sincero agradecemento" polo apoio mostrado pola corporación municipal á causa palestina. O diplomático refírese así á moción aprobada no pleno do pasado 22 de setembro, na que o Concello exixía o cesamento inmediato das hostilidades en Gaza e a fin do xenocidio que Israel perpetra sobre a poboación civil.
Na misiva, Abdelwahed subliña que o xesto de Pontevedra "representa un compromiso firme coa paz, a xustiza e os dereitos humanos", e reitera que a opción estratéxica do pobo palestino "é a paz xusta e duradeira, baseada nas normas internacionais e nas resolucións das Nacións Unidas". O embaixador agradece tamén a condena da "brutal e salvaxe agresión israelí, que leva adiante unha política de xenocidio contra o noso pobo".
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores expresou o seu agradecemento pola carta da embaixada e lembrou que "todos os xestos son poucos á hora de pór o foco do mundo sobre Palestina e o xenocidio que Israel comete na rexión". O rexedor destacou que o Concello actuou "con humildade", pedindo aos responsábeis internacionais unha solución urxente ao masacre e á destrución "dun pobo que leva décadas resistindo".
Fernández Lores subliñou ademais o compromiso social da veciñanza de Pontevedra coa causa palestina, visíbel nas concentracións, manifestacións e iniciativas simbólicas desenvolvidas nas últimas semanas. "Toda acción a favor da paz, individual ou colectiva, é importante —concluíu o alcalde—, e Pontevedra e a súa veciñanza amosou con Palestina nos últimos meses, ben asistindo a concentracións e manifestacións, ben pendurando nos estabelecementos comerciais e de todo tipo carteis de apoio".