O Eixo Atlántico sitúa a vivenda, a migración e a loita contra a pobreza como prioridades para 2026
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, denunciou as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a conexión do AVE entra Galiza e Portugal.
A XXXIV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, desenvolvida no Concello da Coruña, reuniu as 41 entidades que integran a entidade e puxo o foco no acceso á vivenda, os fluxos migratorios e a loita contra a pobreza e a exclusión social. Estes ámbitos consolídanse así como eixos centrais da entidade e marcan a súa axenda de traballo para 2026.
Estes desafíos, segundo apuntaron desde o Eixo Atlántico, vertebrarán o programa de actividades para 2026, aprobado durante a reunión, e orientado a “reforzar a cohesión social e territorial nun contexto internacional complexo”. O programa articúlase ao redor de tres grandes eixos —sustentabilidade urbana, desenvolvemento económico e desenvolvemento social— con especial atención á integración da poboación migrante, a cohesión social e a garantía de “condicións dignas” de vivenda. O acordo aprobado inclúe actividades culturais, educativas e deportivas, xunto con iniciativas de innovación social e turismo policéntrico.
Entre as prioridades destacan a actualización da Axenda Urbana, o seguimento do Mapa de Infraestruturas e a planificación urbana sostíbel, como ferramentas chaves para reducir as desigualdades e previr situacións de pobreza nos municipios do Eixo Atlántico.
A Asemblea Xeral ratificou tamén o orzamento para 2026, que ascende a 5.538.900,52 euros, así como as contas e o informe de xestión correspondentes ao exercicio anterior. No ámbito internacional, reforzouse a estratexia de cooperación, consolidando relacións con cidades de América Latina, Cabo Verde, México, Cuba e Arxentina, e fortalecendo os vínculos coa Aecid e o Instituto Camões.
Infraestruturas
Con respecto á polémica xurdida en torno ao atraso das obras do AVE en Portugal, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, manifestou que considera que se trata dun problema puntual derivado da reformulación do traxecto construtivo no trazado de Vila Nova de Gaia e da súa estación. Segundo explicou, a situación é similar ao atraso producido no Estado español no estudo informativo previo do Saída Sur de Vigo, sinalando que non responde a un atraso estrutural da obra por parte de ningún dos dous gobernos. Vázquez asegura que o proxecto se mantén dentro dos parámetros iniciais, cun posíbel desfasamento de ao redor de dous anos.
En relación ás declaracións do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, realizadas en Porto, o secretario xeral do Eixo Atlántico sinalou que “Rueda o que debería facer é enredar menos e traballar máis. Galiza segue sen un proxecto de tren de proximidade, a diferenza de Euskadi e Catalunya. Ou, por exemplo, a estrada do Barco de Valdeorras á Gudiña, que é competencia da Xunta e que a xente da comarca utiliza para coller o AVE a Madrid, atopándose nunhas condicións bastante lamentábeis”. Engadiu, ademais, que “debería deixar de facer electoralismo cunha obra á que non achegou máis que palabrería e marketing propagandístico. Se a guerra partidaria entra na guerra do tren, nunca haberá tren”.