As dúas varas da CRTVG: día e medio para o 'caso Vilares', cinco para o 'caso Errejón'

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza)

Alfonso Sánchez Izquierdo compareceu onte por derradeira vez no Parlamento galego na súa condición de director xeral da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), a onde chegou no ano 2009 da man de Alberto Núñez Feixoo.

Sánchez Izquierdo despediuse onte na Cámara galega como chegou, con polémica. O aínda director xeral da CRTVG empregou a súa derradeira intervención na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Corporación de Radio e Televisión da Galiza para presumir da súa xestión á fronte do ente público. Neste sentido, defendeu o labor destes anos asegurando que colocou a compañía como "articulador do sistema mediático galego".

A traxectoria de Sánchez Izquierdo como director xeral da CRTVG estivo marcada pola polémica desde o seu nomeamento por Feixoo tras gañar os comicios galegos de 2009. Para a súa designación o PP obviou o seu programa electoral e desbotou negociar o cargo coa oposición. Ademais, mantívoo na responsabilidade de forma interina desde 2016, tras a reforma da Lei de medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza, empregando para iso a coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos de 2016.

As denuncias de manipulación informativa contra a CRTVG foron constantes nos 16 anos de Sánchez Izquierdo e chegaron por parte do comité intercentros da compañía, do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza e de colectivos como "Defende a Galega", que desde o 25 de maio de 2018 promove protestas todas as sextas feiras para criticar o "uso partidista e a instrumentalización da CRTVG", á que acusan de actuar ao servizo do Partido Popular.

Os grupos da oposición incidiron onte nesta cuestión para analizar a xestión de Sánchez Izquierdo. Así, a deputada do BNG Mercedes Queixas denunciou "uns medios públicos sometidos ao servizo particular e a beneficio propio e partidista do PP" e acusou o director xeral de "entregar deliberadamente os medios públicos ao interese do PP". Na mesma dirección, a parlamentaria do PSdeG Silvia Longueira criticou unha "televisión pública sen credibilidade" que "non está ao servizo da cidadanía galega, senón da Xunta da Galiza e, máis concretamente, do PP".

A política laboral de Sánchez Izquierdo non só foi repetidamente contestada pola representación das traballadoras e traballadores da CRTVG, senón que foi cuestionada en múltiples sentenzas polos tribunais de xustiza. En novembro de 2023, unha sentenza do Tribunal Supremo concluía que varios contratos de alta dirección foran formalizados en fraude de lei.

En mínimos de audiencia

A TVG sitúase en mínimos históricos de audiencia no momento da saída de Sánchez Izquierdo. De feito, foi a canle da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (Forta) que máis espectadores perdeu ao longo de 2024. A caída de audiencia entre abril de 2024 e abril de 2025 supera o 20%.

Sánchez Izquierdo vaise, mais a designación polo PP de Concepción Pombo como sucesora garante a continuidade da liña mantida pola dirección da CRTVG nos últimos anos. Pombo foi unha das colaboradoras máis estreitas de Sánchez Izquierdo nos últimos oito anos, como responsábel da Área de Información e Documentación.

O director da CRTVG defende o tratamento do "caso Vilares"

Alfonso Sánchez Izquierdo defendeu onte o tratamento informativo dado polos medios públicos á denuncia por agresión sexual contra o ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares. Neste sentido, sinalou que as presuntas agresións sexuais "constitúen feitos dunha gravidade extrema" que "requiren un tratamento informativo estrito, rigoroso e profundamente respectuoso coa presunta vítima, por riba de todo e co proceso xudicial en marcha". Neste punto, remarcou que "ese foi e segue sendo o criterio que guiou todas as decisións editoriais adoptadas polos equipos dos servizos informativos da corporación".

BNG e PSdeG

As palabras de Sánchez Izquierdo foron criticadas desde as filas da oposición parlamentaria. A este respecto, a deputada do BNG Olalla Rodil afeoulle que os medios públicos só dedicaron "un día e medio" de cobertura informativa ao caso de presunta agresión sexual de Vilares fronte "aos máis de cinco días nos que o caso [Íñigo] Errejón estivo a abrir os telexornais". A parlamentaria do PSdeG Silvia Longueira manifestou que o acto de nomeamento da nova conselleira do Mar foi presentado pola CRTVG como un “evento de despedida ao conselleiro do Mar que está a ser investigado por un presunto delito de agresión sexual”.