Dous ex alcaldes do PP de Miño, a xuízo por prorrogar contratos malia os informes negativos do interventor

Candidatura do PP ás eleccións municipais de 2015 en Miño, con Jesús Veiga no centro. (Foto: Nós Diario)

A Fiscalía pide inhabilitación para ambos e cinco anos de cárcere para Jesús Veiga por prevaricación e malversación.

A Audiencia Provincial da Coruña acollerá a vindeira semana o xuízo contra os ex alcaldes do PP de Miño (As Mariñas) entre os anos 2003 e 2015, Juan Antonio Maceiras e Jesús Veiga, así como contra unha ex concelleira dos seus gobernos municipais. A Fiscalía atribúelles delitos de prevaricación administrativa e malversación de caudais públicos por manter e prorrogar diversos contratos municipais malia os reiterados informes desfavorábeis emitidos polo interventor do Concello.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, os feitos remóntanse a 2006, cando Juan Antonio Maceiras asinou un contrato cunha empresa para a limpeza da Agrupación Escolar Piñeiro-Miño, cunha duración inicial de dous anos prorrogábel até un máximo de catro. A prórroga aprobouse en 2008, polo que o contrato debía finalizar en 2010. Porén, durante os mandatos posteriores dos acusados, a empresa continuou prestando o servizo sen que se convocase ningún procedemento de contratación pública con concorrencia competitiva. O interventor municipal emitiu informes de reparo e desfavorábeis ao pagamento das facturas, advertencias que, segundo a Fiscalía, foron ignoradas tanto pola ex concelleira como por Jesús Veiga.

Unha situación semellante produciuse no contrato de limpeza e conserxaría do Centro Sociocultural da Rúa, asinado en 2006 por Veiga como alcalde accidental e prorrogado por Maceiras en 2008. A pesar de que a súa vixencia expirara, o servizo seguiu prestándose até ben entrado o ano 2015, novamente con informes negativos do interventor que non foron atendidos.

A Fiscalía detalla tamén irregularidades na contratación provisional do mantemento, apertura e rega do campo de fútbol municipal, acordada en 2006 mentres non se licitase o servizo de maneira oficial. Ese procedemento nunca chegou a convocarse e a empresa continuou prestando o servizo durante anos. O mesmo patrón, segundo o escrito acusatorio, repetiuse nos contratos de mantemento e conservación de parques e xardíns, así como nos servizos de conserxaría, mantemento e limpeza do pavillón polideportivo municipal.

No ámbito da xestión urbanística, o Ministerio Fiscal pon o foco nun contrato de 18.000 euros adxudicado por unha concelleira a unha empresa para determinar núcleos de poboación e diseminados, así como para revisar a numeración das vivendas no marco dun novo rueiro municipal. O contrato, cunha duración de dez meses sen posibilidade de prórroga, incluía atención presencial ao público no Concello dous días á semana. Porén, os traballos non se finalizaron no prazo estabelecido e a empresa continuou facturando, “obtendo así un lucro indebido e inxustificado”, segundo a acusación, malia novos informes desfavorábeis do interventor.

Por estes feitos, a Fiscalía solicita para Juan Antonio Maceiras e Jesús Veiga dez anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un delito continuado de prevaricación administrativa. Ademais, pide para Jesús Veiga unha pena de cinco anos de prisión e dez anos de inhabilitación absoluta por un delito continuado de prevaricación administrativa en concurso ideal cun delito de malversación de caudais públicos. As mesmas penas solicita para a ex concelleira implicada e para a administradora da empresa encargada dos traballos de xestión urbanística.