Dimite o alcalde de Agolada, Luís Calvo, após ser condenado por prevaricación administrativa
O rexedor de Agolada (O Deza), Luís Calvo (Partido Anticorrupción y Justicia), vén de anunciar a súa dimisión a través das súas redes sociais, tras executarse a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que o mantén condenado por un delito de prevaricación administrativa, coa correspondente inhabilitación de nove anos para cargo público e para o exercicio de sufraxio pasivo. A pesar de que o fallo non é firme —é recorríbel en casación ante o Tribunal Supremo—, Calvo asegura que o BNG local solicitou a súa execución inmediata, motivo polo que afirma abandonar o cargo.
Nunha mensaxe publicada no seu perfil persoal de Facebook, Calvo manifesta que presenta a dimisión aínda "sen ser firme a sentenza", e acusa o BNG de "aplicar unha lei creada para os terroristas de ETA", en referencia á Lorex, que determina a suspensión automática de cargos públicos en caso de condena por determinados delitos. O alcalde sae da Alcaldía entre críticas a BNG e PP, aos que acusa de teren pactado a súa substitución, e lamenta o que cualifica como "circo mediático".
Do 'caso Farelo'
A situación xudicial de Calvo deriva do coñecido 'caso Farelo', polo que a Audiencia Provincial o condenara en abril por delitos de falsidade en documento oficial e prevaricación. A sentenza fora especialmente dura ao imporlle tres anos e medio de prisión, multa e once anos de inhabilitación.
O TSXG, ao resolver o recurso, revogou a condena por falsidade documental, ao considerar atípica a conduta atribuída ao alcalde no informe no que se afirmaba que un acordo fora adoptado pola Xunta de Goberno Local, un órgano que naquel momento nin sequera existía. Porén, o tribunal mantivo a condena por prevaricación administrativa, reducindo a inhabilitación a nove anos.
A resolución describe actuacións do rexedor "prescindindo total e absolutamente de todo trámite procedemental" e con "plena conciencia da súa ilegalidade". Entre os feitos probados destaca a orde de paralización das obras dunha depuradora sen contar coas autorizacións pertinentes e o precinto posterior dos traballos sen intervención do secretario municipal nin procedemento válido de notificación.
Ademais, o TSXG exime o Concello de Agolada de calquera responsabilidade civil subsidiaria, polo que será o propio Calvo quen deberá pagar de peto os 24.798 euros de indemnización á empresa Lácteos Farelo.
Mensaxe de despedida con acusacións políticas
Na súa mensaxe de despedida, Calvo dedica boa parte do texto a acusacións políticas contra o BNG, ao que atribúe pactos secretos co PP, tentativas de "mercado de concelleiros" e unha suposta estratexia conxunta para quitalo da Alcaldía. Tamén carga contra sindicatos e medios de comunicación, e reivindica a súa xestión: "Grandes obras fixemos e vanse seguir facendo", afirma.
O xa ex alcalde asegura que "volverán verse nas urnas" e expresa o seu apoio ao concelleiro Óscar Val García, a quen chama "tenente" e "un grande a todos os niveis".
O BNG, pola súa parte, xustificara a petición de execución inmediata da sentenza no cumprimento estrito da Lorex, ao tratarse dunha condena por prevaricación administrativa, un dos supostos que obriga á suspensión do cargo.