A dimisión de Vilares tras a denuncia por agresión sexual e a primeira votación da directora da CRTVG marcarán o próximo pleno

Pleno do Parlamento o pasado 12 de febreiro. (Foto: Parlamento da Galiza)
Nos últimos días tanto o BNG como o PSdeG reclamaron explicacións a Alfonso Rueda tras recoñecer o titular do Goberno galego que tivo coñecemento no mes de febreiro da denuncia ao responsábel de Mar do Executivo galego.

A dimisión o pasado 4 de xuño do xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, ao estar investigado por unha presunta agresión sexual marcará, previsibelmente, o pleno do Parlamento da Galiza que decorrerá os días 10 e 11 de xuño no Pazo do Hórreo, onde tamén se producirá a primeira votación para a elección da nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG), até o de agora Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG), que se presume errada.

Neste sentido, nos últimos días tanto o BNG como o PSdeG reclamaron explicacións a Alfonso Rueda tras recoñecer o titular do Goberno galego que tivo coñecemento no mes de febreiro da denuncia ao responsábel de Mar do Executivo galego.

A formación nacionalista rexistrou unha petición para que se decorra unha xunta de portavoces urxente, que terá lugar a terza feira ás 9.30 horas, para modificar a orde do día do pleno e incorporar a comparecencia do presidente da Xunta da Galiza para que dea explicacións sobre "por que durante meses estivo a tapar e ocultando que un membro do seu Goberno estaba denunciado por agresión sexual".

En todo caso, segundo a orde do día aprobada na xunta de portavoces desta semana, Rueda deberá responder na Cámara sobre "o seu empeño en converter o galego nunha lingua de segunda" e sobre as medidas da Administración galega en materia de vivenda.

Así, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, está previsto que cuestione Rueda sobre "o seu empeño en converter o galego nunha lingua de segunda" e a formación nacionalista tamén levan a pleno unha proposición non de lei para reprobar "as artimañas" da formación popular "en contra do galego".

Pola súa parte, o portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, centrará a súa pregunta en materia de vivenda e nas medidas do Goberno galego que, en opinión da formación socialista, "non teñen unha eficacia real".

Votación CRTVG

Así mesmo, o primeiro punto da orde do día é a votación para elixir á persoa titular da Dirección Xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza (CSAG). Con todo, nesta primeira votación non está previsto que se alcance o apoio dos dous terzos da Cámara (50 votos), polo que o nomeamento da persoa que substituirá Alfonso Sánchez Izquierdo terá que esperar, previsibelmente, outras dúas sesións plenarias, xa que na segunda votación necesítanse tres quintos (45 votos) e tanto o BNG como o PSdeG xa avanzaron que non apoiarán á candidata proposta polo PP.

Segundo o calendario, cabe esperar que Concepción Pombo sexa nomeada directora xeral da CSAG no pleno do 8 de xullo nunha terceira votación na que bastará coa maioría absoluta que ostenta a formación popular.

Ademais desta primeira votación, o pleno da próxima semana contará tamén coa comparecencia, a petición propia, de Diego Calvo, que informará da situación do transporte na Galiza, especialmente do ferroviario e "os problemas existentes para a compra de billetes", así como "a redución de servizos e prazas", entre outros asuntos.

Lei de axudas públicas a empresas

Por outra parte, nesta sesión plenaria o BNG presentará unha proposición de lei para promover, entre outras cousas, a permanencia de empresas na Galiza que reciban axudas públicas e garantir que estas axudas en materia industrial e empresarial "revertan social e economicamente" no país.

En concreto, a formación nacionalista defende que as empresas que reciban axudas deban ter un compromiso de permanencia na Galiza e, no caso de deslocalizar a produción, teñan a obrigación de reintegrar todas as axudas obtidas a través de subvencións.

Outros asuntos

Ademais, o PSdeG levará unha proposición non de lei sobre a Agrupación industrial de defensa e outra sobre o fechamento de unidades poscovid. Tamén se debaterá unha moción levada pola formación socialista no anterior pleno sobre a política arancelaria do presidente dos EUA, Donald Trump, e "a necesidade de pór en marcha axudas" para os sectores que se poidan ver afectados.

Presentarán tamén unha interpelación sobre incendios forestais para coñecer "como vai ser esta campaña de incendios e a organización que ten prevista a Xunta". En materia de Educación, preguntarán sobre o mestrado de matemáticas da USC, que podería ser cancelado, segundo transcendeu na última semana.

Mentres, o BNG inclúe na orde do día unha proposición non de lei para ordenar, planificar e programar o desenvolvemento de extracción de minerais no país para "declarar estratéxicos os recursos naturais da Galiza" e garantir o feche dos ciclos produtivos, así como promover a minaría urbana, a reciclaxe e a recuperación de materias primas críticas.

O PP exporá unha iniciativa para pedir ao Goberno español que dote de fondos a coñecida como lei ELA e outra para que manteña o financiamento do Plan Corresponsábeis. Ademais, realizará tres preguntas ao Goberno galego sobre a Conferencia de Presidentes, proxectos eólicos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e polo balance da Oficina Económica da Galiza.