Após o "incidente de gamberrismo nocturno"

Xoán Hermida afea a Quinteiro non ter demitido cando si o fixo Cristina Cifuentes

Xoán Hermida, nunha comparecencia informativa [Foto: PontevedraViva.Com]

Xoán Hermida xa é formalmente deputado de En Marea -rexistou esta mesma quinta feira a súa alta no grupo parlamentar que dirixe Luís Villares. En conferencia de imprensa realizada esta mañá en Pontevedra, cargou contra Paula Quinteiro polo seu comportamento durante o que cualificou como "incidente de gamberrismo nocturno". Dixo que a parlamentar de Podemos eticamente "non representa En Marea".

Esta quinta feira, Xoán Hermida deitou máis achas no lume que se ten declarado no seo do partido instrumental, virtualmente esgazado entre os partidarios e os detractores de Luís Villares. O ex dirixente do Espazo Ecosocialista compareceu perante os meios para explicar as circunstancias en que aterra no Pazo do Hórreo -adscríbese ao grupo parlamentar, mais sen tomar posesión do escano- aliás, non perdeu a oportunidade para oferecer titulares cos que tornar aínda máis profunda a fenda aberta polo caso Quinteiro.

 

"Eu o que vexo é que, onte, unha persoa por roubar dúas cremas a unha multinacional capitalista, demitiu; outra por estar envolvida nun incidente con coches de obreiros de Santiago [reférese á rotura de retrovisores de vehículos estacionados na rúa], non demite, e iso que é anticapitalista. Un pouco contraditorio, non?", afirmou Hermida.

 

Hermida pensa que "se vulnera o contrato co eleitorado" no momento en que Paula Quinteiro "non acata a disciplina de En Marea", dixo en alusión á oposición da deputada de Podemos a demitir como lle pide o Consello da Marea, máximo órgao da confluencia entre plenarios. Quinteiro, porén, dispón do apoio da maioría do grupo parlamentar, que neste asunto non respalda a posición de Villares.

 

A respeito da situación na que el propio fica -deputado eleito, mais sen plenitude de dereitos para exercer como tal, sen salario e sen acceso aos debates da cámara-, Hermida mostrou a súa confianza en que sexa o máis pasaxeira posíbel. E voltou a ligar a súa non renuncia ao escano -el mesmo estivo envolvido nun incidente con outra policía local, neste caso a de Pontevedra, e en primeira instancia anunciara que non asumiría a acta- á resolución do caso Quinteiro.

 

Villares e os seus fieis confían en que o asunto fique resolvido coa consulta interna sobre a continuidade de Quinteiro que presumibelmente o Consello da Marea convocará este sábado. Mais dista de ser probábel que a parlamentar de Anticapitalistas fose renunciar aínda que así llo pedise a maioría de inscritas dun partido instrumental cuxa soberanía Podemos está moi lonxe de recoñecer.