A Deputación de Pontevedra elimina orzamentos para actuacións contra a violencia machista
O Orzamento da Deputación Provincial de Pontevedra para o vindeiro ano, 2026, vén con tesoiradas en ámbitos como o da Igualdade, onde se recortan ou suprimen fondos e partidas en cuestións tan sensíbeis como a violencia machista
Nas contas para 2026 da entidade provincial que preside Luís López (PP) desaparecen os fondos destinados a actuacións de condena á violencia machista. Nos últimos orzamentos do goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG —en 2023— destinábase a este capítulon máis de 80.000 euros. Uns fondos cos que se realizaban actuacións nos 61 concellos da provincia da man moitas veces de colectivos de mulleres para denunciar a violencia machista. Programas como Mulleres en acción, violencia cero desenvolvíanse con estes orzamentos, que se rebaixaron a 50.000 euros nas contas provinciais de 2025 e que para 2026 xa non figuran nos Orzamentos.
Na mesma liña, os fondos destinados a proxectos de promoción da igualdade sufriron un recorte noa chegada de Luís López á Presidencia da Deputación. De 920.000 euros en 2023 a 670.000 para 2026. A lista non se detén aquí. Tampouco figura nada nos orzamentos para 2026 dos premios que a Deputación de Pontevedra convocaba anualmente baixo o nome de Sofía Novoa —viguesa, pianista, pedagoga e exiliada republicana— para recoñecer a perspectiva de xénero nos traballos de fin de mestrado e fin de grao. Como tamén desaparece calquera mención á Escola Pública da Deputación María Vinyals —nada en Soutomaior en 1847 e pioneira do feminismo— , un punto de encontro, formación e reflexión entre mulleres de diversos ámbitos.
Para a portavoz do PSdeG na entidade provincial, Ana Laura Igrexas, os recortes responden a unha "aposta ideolóxica do Partido Popular", ao que ve cada vez máis "escorado á extrema dereita". A voceira socialista incide en que, "malia os discursos" de Luís López e o PP de "que están comprometidos coa igualdade", na realidade "non cren nela" e avalan as políticas de "recortes en temas como as accións contra a violencia machista" no que considera que constitúe un "discurso moi perigoso".
Pola súa parte, o portavoz do BNG na entidade provincial, César Mosqueira, destacou que o campo da Igualdade sofre un recorte de 36% nos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano, e apunta que non é esta a única materia obxecto de recortes. Así, o nacionalista denunciou unha retallada nas partidas e fondos para Lingua de 24%, para alén de criticar que o "organismo estrela da institución", o Museo provincial, sufriu unha baixada no orzamento de ao redor de 40%.
Plan Revitaliza
Mais unha das críticas principais do BNG a estes orzamentos é a referida ao "desmantelamento" do Plan Revitaliza de xestión de residuos e de aposta pola compostaxe. Mosqueira subliñou que os concellos teñen un “problemón” coa aplicación da nova lexislación europea e estatal e van afrontar sancións por non tratar os biorresiduos. “Non negan que están a desmantelar o Revitaliza e iso é algo que todos os cidadáns da provincia van pagar”, afirmou o nacionalista.