Daniel Pérez (BNG), investido alcalde de Carballo co compromiso de "recoller o legado que deixa Evencio Ferrero"
O ex deputado garante que vai continuar " co gran traballo desenvolto estes anos" nun proxecto de futuro "transformador".
Daniel Pérez (BNG) foi investido como novo alcalde de Carballo (Bergantiños) nun pleno celebrado ao mediodía deste sábado. Substitúe no cargo o histórico rexedor nacionalista Evencio Ferrero que deixou o bastón de mando tras 22 anos como primeiro edil e despois de cumprir os 70 anos.
Na súa toma da palabra, Pérez dixo que "é unha honra" e un "momento de tremenda emoción", nun discurso no que se comprometeu a "recoller o legado que deixa Evencio Ferrero" tras "dedicar 46 anos da súa vida" como concelleiro na corporación "para mellorar a vida dos veciños de Carballo".
O até o de agora deputado do BNG no Parlamento galego e concelleiro de Deportes, o avogado laboralista Daniel Pérez (Coristanco, 1977) é o novo alcalde de Carballo tras recibir o apoio de 13 votos, a maioría absoluta coa que conta o Bloque na corporación da capital de Bergantiños na que se realizou unha votación en urna.
E é que Pérez fixo constantes alusións ao seu predecesor no cargo para afirmar que do "gran capitán" Ferrero aprendeu que "para ser un bo político é imprescindíbel ser unha boa persoa". Asegura que este "non é un cambio", senón que "é unha substitución para continuar co gran traballo desenvolvido estes anos".
Remarca que gobernará para todos os veciños, non só para os votantes do BNG, nun proxecto "común" e "integral" para "seguir facendo de Carballo un bo lugar para vivir" e continuar cun modelo "transformador".
Para retos de futuro, Daniel Pérez aposta por "dinamizar" o rural, estender as redes de saneamento a 100% da poboación, así como avanzar na humanización coa prioridade na seguridade e calidade de vida. Subliña a oportunidade que supoñen os 6,5 millóns de fondos conseguidos do Plan EDIL para ter un novo auditorio, un futuro edificio de entidades sociais e reformar a Praza do Concello.
Igualmente, dixo ter a "man tendida" á oposición e compromete "lealdade institucional" coa Xunta, á que reclama que "debe cumprir cos veciños" co novo centro de saúde, a ampliación do polígono de Bértoa, a circunvalación e a mellora do transporte público.
"Só escoitando á xente se acerta, seino porque tiven ao mellor mestre", asegurou nunha declaración na que reivindicou o "orgullo de ser de Carballo". "Temos todo un futuro por gañar. Viva Carballo!", concluíu.
O pasado 4 de outubro, Ferrero presentou a súa renuncia voluntaria en pleno municipal convocado despois de ser alcalde desde 2003 e tras 46 anos na corporación como concelleiro.
Deniel Pérez López tivo que deixar a súa acta no Parlamento para converterse en primeiro edil en Carballo, tendo en conta que a lei electoral galega estabelece a incompatibilidade do cargo de rexedor e o de deputado autonómico.
Coa saída de Daniel Pérez do Grupo Parlamentario, a seguinte persoa que ocupou a lista do BNG pola provincia da Coruña é a militante e educadora social Saleta Chao Rivas. Ademais, neste pleno tomou posesión Daniel Barreiro Quintáns como novo edil do grupo municipal do Bloque.
Durante a sesión, a portavoz do PSdeG, Mari Carmen Vila, desexou "a mellor das sortes" ao novo alcalde. "O que vai ser bo para esa persoa entendemos que será bo para todos os carballeses", dixo.
En cambio, o portavoz do PP, Rubén Lorenzo, afirmou que "non procede dar felicitacións" ao intervir antes de ser investido o novo alcalde, aínda que si felicitou o novo concelleiro que entra na corporación, Daniel Barreiro.
Tamén falou Xosé Regueira (BNG) para chancear con que agora hai "dous Danieles para substituír un único Evencio". Valora que se pecha un capítulo para "abrir outro de ilusión e optimismo" no que Pérez vai manter " o modelo deste municipio".