"É un corta e pega dos anos anteriores": as críticas ao Pladiga repuntan no órgano que asesora a Xunta en materia forestal

A conselleira María José Gómez, á dereita, onte, no Consello Forestal da Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)
Boqueixón (comarca de Compostela) acolleu esta sexta feira a reunión do Consello Forestal da Galiza onde se analizou o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais da Galiza (Pladiga) para este ano. Diferentes representantes neste órgano consultivo da Xunta da Galiza —do sindicalismo, o ecoloxismo ou o agro—criticaron na cita un plan que "se presenta tarde" e "non dá resposta" aos problemas.

O Consello Forestal da Galiza é o órgano consultivo e de asesoramento da Administración galega en materia forestal. Un órgano no que están presentes os representantes da propiedade, da Administración local, das organizacións empresariais, da investigación e das demais organizacións, asociacións de persoas propietarias, titulares de montes e produtoras e entidades relacionadas co ámbito forestal.

O Pleno do Consello reuniuse esta sexta feira en Boqueixón (comarca de Compostela) para analizar o Plan de prevención e defensa contra incendios forestais da Galiza (Pladiga) para este ano. O proxecto xerou estes días as críticas dos representantes do persoal contraincendios, ás que na reunión se sumaron, entre outras, as dos representantes do movemento ecoloxista ou das comunidades de montes veciñais. "Non hai apenas marxe para o debate", lamenta Xosé Luis Baleato, da  Federación Ecoloxista Galega (FEG), en manifestacións a Nós Diario. "Recibimos o documento [do Pladiga], que ten centos de páxinas, esta cuarta feira, non é que dea moito tempo a miralo polo miúdo". Baleato centra as críticas en que o principal documento da política da Xunta para a política contra os incendios segue a deixar sen resposta cuestións "importantes", como a abordaxe "da intencionalidade".

Nestes días, tanto a CIG como CCOO coincidiron en criticar que parte do operativo de loita contra os fogos continúe externalizado en empresa privadas (medios aéreos) ou a escaseza do persoal. "O Pladiga non incorpora ningunha praza nova de persoal propio da Xunta para a extinción no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF)", denunciaron. Unha crítica que esta sexta volveu a porse riba da mesa.

Na reunión de esta sexta, Alfredo Pereira, en representación da Organización Galega de Comunidades de Montes e da Alianza po un Medio Rural Vivo  criticou o que cualificou de "nefasta política forestal e máis nefasta política antiincendios" da Xunta da Galiza nestes anos. Pereira sinala a Nós Diario que o Pladiga presentado "é, en resumo, un corta e pega dos plans dos anos anteriores", un plan "fatalista, que non ten intención ningunha de mudar o modelo forestal actual" e que "non se centra nas causas estruturais dos incendios que ano tras ano arrasan Galiza".

Conselleira

A conselleira do Medio Rural, María Jesús Gómez, presidiu a xuntanza do Consello Forestal, onde expuxo as principais novidades incluídas neste documento, destacando "a aposta pola prevención e extinción" da Xunta da Galiza e o aumento no persoal. Unha afirmación retrucada pola CIG, que di que a Xunta non aumenta o seu persoal propio de loita contra os fogos. "Mantén exactamente os mesmos efectivos que en 2025: 276 brigadas de terra e 12 brigadas helitransportadas", denunciou o sindicato.