O Constitucional mantén as ordes de detención de Puigdemont, Comín e Puig mentres examina se deben ser amnistiados

Carles Puigdemont. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
Mantense vixente a orde do xuíz do TS Pablo Llarena e non poderán volver do exilio porque non teñen a liberdade asegurada.

O Tribunal Constitucional decidiu manter, sen unanimidade, a orde de detención contra o ex president de Catalunya, Carles Puigdemont. A maxistratura rexeitou a medida cautelar solicitada polo político catalán, que pedía a súa suspensión. O alto tribunal tamén desestimou as peticións presentadas polos ex consellers Lluís Puig e Antoni Comín.

Con esta decisión, a orde de detención ditada polo xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena, no contexto da causa do procés, mantense vixente e Puigdemont, de momento, non poderá volver do exilio coa liberdade asegurada. Mentres tanto, o Tribunal Constitucional examina se os tres políticos deben ser amnistiados.

En xuño, o TC avalou por seis votos a catro a práctica totalidade da lei de amnistía e concluíu que era lexítima. Con aquel pronunciamento, tanto Puigdemont como o resto de procesados presentaron un recurso de amparo ao tribunal. O recurso era contra a decisión do Tribunal Supremo de non aplicarlles a amnistía. O ex president tamén pediu o levantamento cautelar da orde de detención contra el.

En tres autos, o tribunal lembra que a suspensión cautelar é unha medida excepcional e de interpretación restritiva, especialmente cando interfire nun procedemento penal aínda aberto. Neste sentido, o TC subliña a presunción de validez das resolucións xudiciais e o interese constitucional en garantir a eficacia da xurisdición penal.

O TC considera que acceder á suspensión causaría un prexuízo ao interese xeral, dado que se trata dun proceso penal por feitos cualificados provisionalmente como graves, e que a protección da investigación penal debe prevalecer sobre os dereitos alegados polos recorrentes.

Ademais, o TC advirte de que suspender as ordes de detención suporía adiantarse á resolución do fondo dos recursos de amparo e obrigaría a pronunciarse de maneira prematura sobre a aplicación da lei de amnistía. O maxistrado Ramón Sáez Valcárcel anunciou un voto particular discrepante.

Á espera da resolución do fondo do recurso

A Puigdemont, Comín e Puig só lles restará agora a opción de esperar até a resolución do fondo do seu recurso de amparo. E non hai ningún calendario claro, porque o ritmo de resolución non é preestabelecido e, neste caso, é político. Tras a petición de cautelares, o presidente do TC, Cándido Conde-Pumpido, pode xogar co calendario e seguramente esperará a que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea resolva as prexudiciais sobre a amnistía (a sentenza podería publicarse en marzo ou abril) e, despois, ditará sentenza cando máis lle poida convir a el, ao tribunal ou a Pedro Sánchez.

En decembro, o TC tamén rexeitou a pedimento do ex vicepresident da Generalitat Oriol Junqueras e os ex consellers Jordi Turull, Raül Romeva e Dolors Bassa de suspender provisionalmente as súas penas de inhabilitación, mentres espera resolver os recursos de amparo que presentaron contra a decisión do TS de non habelos amnistiado pola presunta malversación vinculada co referendo do Primeiro de Outubro.