O Congreso decide se segue adiante coa reforma do seu regulamento que permitirá sancionar 'pseudoxornalistas'
A reforma do Regulamento do Congreso para permitir sancións a xornalistas acreditados que obstaculizan o labor parlamentario e da prensa na Cámara, aos que definen como "pseudoxornalistas", será abordada no pleno desta terza feira. Con todo, as forzas da dereira e da extrema dereita (PP, Vox e UPN) sosteñen que as normas do Congreso xa outorgan competencias á Presidencia da Cámara para manter a orde pública en dependencias parlamentarias, algo que non está impedindo os problemas cotiás polas prácticas dos chamados "pseudoxornalistas".
Esta reforma, rexistrada despois dunha serie de incidentes protagonizados por xornalistas acreditados de medios dixitais que se enfrontaron a políticos e outros informadores, trata de regular a renovación das credenciais das e dos informadores que concede a Cámara e introducir un réxime sancionador para aplicalo ás persoas acreditadas que prexudiquen a actividade da institución ou o traballo doutros representantes dos medios.
Con este texto, o PSOE, Sumar, o BNG, ERC, Junts, Bildu, PNV e Coalición Canaria pretenden dar resposta ás peticións de diferentes colectivos profesionais de xornalistas pedindo medidas para "evitar comportamentos inaceptábeis no exercicio do xornalismo". O seu obxectivo, segundo subliñan estes grupos, non é restrinxir o labor dos profesionais da información, senón actuar contra "activistas de ultradereita" que asisten a roldas de prensa.
O Regulamento do Congreso, que data de 1982, encargou á Mesa da Cámara a concesión de acreditacións a representantes dos medios, mais a nova reforma busca regular o procedemento para a renovación das mesmas e fixar "os requisitos que resulten exixíbeis". Tamén se crea un Consello Consultivo de Comunicación Parlamentaria, cun membro de cada grupo e representantes dos colectivos profesionais, que poderá propor sancións contra unha ou un informador acreditado, aínda que a última palabra teraa a Mesa.
Respectar as normas
Así, obrigarase ás e aos informadores acreditados a respectar "as regras de cortesía parlamentaria" e as directrices da Mesa, ninguén poderá realizar gravacións sen estar acreditado e os grupos poderán designar unha persoa que coordine os seus encontros informativos. Ademais, haberá sancións para quen incumpra estas normas, con castigos que poden chegar á suspensión das credenciais por un tempo determinado ou mesmo á súa revogación definitiva.
A proposición de lei foi tomada en consideración polo Pleno do Congreso o pasado 20 de maio e as forzas promotoras pediron tramitala polo procedemento de urxencia, acurtando os prazos parlamentarios á metade. Hai uns días reuniron 178 sinaturas de deputados e deputadas, por encima da maioría absoluta requirida, para habilitar cantas sesións parlamentarias sexan necesarias para aprobala este verán con idea de que estea en vigor ao comezo do próximo período de sesións.
De entrada, esta terza feira debateranse e votarán no pleno do Congreso as emendas de totalidade que presentaron o PP e Vox, as dúas formación que, xunto con UPN, votaron en contra de admitir a trámite a reforma para intentar impedir que se regule o incumprimento das normas e da cortesía parlamentaria.
Vox busca eliminar o galego
Aproveitando esta votación, Vox tamén proporá suprimir o uso das linguas cooficiais que se estreou esta lexislatura, regular a fórmula de acatamento da Constitución dos novos deputados para evitar engadidos, recortar á metade o número de comisións parlamentarias, exixir informes xurídicos ao presentar proposicións de lei, e prohibir o préstamo de deputados e deputadas á hora de constituír grupo parlamentario, entre outras medidas.
Á vista dos apoios anunciados, todo apunta a que o Congreso rexeitará os textos alternativos de PP e Vox, co que a reforma seguirá o seu curso e, esta cuarta feira, os grupos deberán presentar as súas emendas parciais. Despois os textos discutiranse a porta fechada o día 14 en relatorio e o día 17 de xullo xa haberá un debate público na Comisión de Regulamento para deixar listo un ditame que se debaterá e votará na pleo que se prevé decorrerá ao redor do 22 de xullo.