O Congreso avala o plan do BNG para dar capacidade á Galiza nas decisións sobre pesca, co rexeitamento do PSOE

Barco pesqueiro. (Foto: Nós Diario)
O PP e o PSOE descartan a moratoria para a implantación da eólica mariña e o incremento da cota da sardiña.

O Congreso aprobou esta quinta feira o punto dunha iniciativa do BNG que insta o Goberno español ao recoñecemento da Galiza como Zona de Alta Dependencia Pesqueira e a dotar Galiza de capacidade de participación directa na toma de decisións en materia pesqueira, co rexeitamento do PSOE.

Tratábase dunha proposición non de lei na que a formación nacionalista galega expuxo un decálogo de medidas para "impulsar o sector pesqueiro galego", aínda que finalmente este se votou desagregado por puntos. En calquera caso, o BNG conseguiu o apoio do Congreso á maioría das medidas expostas nesta iniciativa.

Con todo, o PP e o PSOE rexeitaron os puntos relacionados coa moratoria para a implantación da eólica mariña e a necesidade de negociar e incrementar a cota da sardiña. Si que atopou o apoio para demandar a "revisión e modificación das bases da Política Pesqueira Común, a comezar polo principio de estabilidade relativa".

Rexeita o recorte dos fondos comunitarios

Do mesmo modo, o Congreso exixe rexeitar o recorte do 67% ou calquera outro que se poida producir nos fondos comunitarios destinados á pesca que está a propor a Comisión Europea de Ursula von der Leyen, do Partido Popular Europeo, para o novo marco orzamentario 2028-2034.

O texto tamén reclama á Comisión Europea que "abandone a proposta de aumentar o número de zonas vedadas ás artes de fondo e que calquera decisión ao respecto sexa adoptada sobre a base de estudos rigorosos sobre as consecuencias sociais, económicas e para a sustentabilidade e o equilibrio dos ecosistemas mariños".

Ademais, aprobouse apoiar que o Goberno español recorra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que avala a prohibición de pesca con artes de fondo en 87 zonas do atlántico sen que estivese sustentada en informes científicos rigorosos, sen ter en consideración as consecuencias económicas e sociais e ademais equiparando o palangre co arrastre de fondo.

Apróbase reducir o IVE do peixe co voto en contra de PSOE e Sumar

"Reducir o IVE aplicado ao peixe e produtos pesqueiros até 0% por tratarse dun alimento básico e de primeira necesidade dados os beneficios demostrados que este alimento ten nunha dieta sa e sustentábel, a súa contribución á redución do gasto sanitario, ademais do efecto positivo no aforro das familias e na dinamización económica do sector da pesca, tal e como acreditan numerosos informes e estudos" foi outro dos puntos que o Congreso aprobou, a pesar do voto en contra de PSOE e Sumar.

Cumprir a Lei de pesca

"Dar cumprimento aos mandatos da Lei de Pesca Sustentábel e proceder a elaborar un Catálogo de Enfermidades Profesionais das persoas traballadoras do mar; promover, mediar e favorecer a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas ás persoas tripulantes e remitir ás Cortes unha proposta para o estabelecemento dun procedemento telemático ou electrónico que se adapte ás necesidades propias do persoal embarcado que non pode acceder ao sistema de voto por correo pola estancia en alta mar" foi un punto que contou co apoio unánime do Congreso. Ademais, outra das cuestións aprobadas foi a de manter abertas todas as oficinas do ISM na Galiza, reforzando e dotándoas de persoal para poder prestar adecuadamente os servizos.