Condenan o alcalde de Pontedeume por un delito leve de lesións a unha hostaleira da localidade

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Bernardo Fernández, que anunciou que recorrerá, ten que pagar unha multa de 180 euros e unha indemnización de 100.

O alcalde de Pontedeume (O Eume), Bernardo Fernández (PSdeG), foi condenado por un delito leve de lesións a unha hostaleira desta localidade, polo que terá que pagar unha multa de 180 euros e unha indemnización de 100 por un incidente ocorrido en setembro de 2023, en cando o rexedor e a hostaleira se atoparon ante o local que rexenta a empresaria durante o inicio da Festa das Peras.

A sentenza, con data do pasado 16 de decembro, foi notificada na quinta feira, día 19, polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Betanzos (As Mariñas) e condena o secretario xeral do PSdeG na Coruña a pagar as costas deste proceso xudicial.

Bernardo Fernández declarouse "inocente" e subliñou que os feitos dos que é acusado "non sucederon en ningún momento". "Teño numerosas testemuñas que o poden acreditar", subliñou. O rexedor asegurou que no xuízo non se lle permitiu desenvolver a súa estratexia de defensa por distintos motivos, nin presentar determinadas probas". Por iso, avanzou que recorrerán a sentenza xudicial, que non é firme.

Ademais, incidiu en que non se lle atribúe unha agresión pero si "un empurrón que non houbo en ningún momento". "E repítoo e repetireino todas as veces que sexa necesario", manifestou. "Eu vou só para defender a miña inocencia, chegar até onde teño que chegar, se fai falta até o Tribunal Constitucional (TC), o que non vou admitir é que se me acuse de algo que non pasou", incidiu.

Petición de dimisión

Por outra banda, o grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontedeume asegurou, a través dun comunicado, que o rexedor desta localidade "non pode seguir nin un día máis" á fronte do Goberno local de confirmarse dita sentenza.

Os populares exixen que Bernardo Fernández "dea a cara" e consideran que, no caso de ser condenado, queda "moral e eticamente inhabilitado" para poder representar o Concello de Pontedeume en calquera cargo público. "De ser verdade, estamos a falar dun feito moi grave. É intolerábel que o señor Fernández se manteña no seu cargo se agrediu unha muller, veciña de Pontedeume", sostiveron os populares.

É por iso que o PP de Pontedeume asegura que "aquí non caben medias tintas. Non vale de nada tratar de dar leccións con outros casos e que, cando un representante político se ve envolvido nunha agresión a unha muller, pretendamos que se mire para outro lado", dixo.