A concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro culpa a Xunta da Galiza da redución de camas
O director do proxecto do Novo Hospital de Vigo (que deu lugar ao que hoxe é Hospital Álvaro Cunqueiro) e até hai uns meses presidente da sociedade concesionaria deste centro hospitalario, a UTE Acciona-Puentes, Santiago Pérez, compareceu esta segunda feira vía videoconferencia na comisión de investigación do Parlamento da Galiza sobre a contratación pública da Xunta.
Esta comisión naceu por petición do BNG a raíz do informe do Consello de Contas que acredita un sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do Cunqueiro a causa do modelo de construción e xestión privatizada polo que optou o Goberno de Núñez Feixoo. Pérez asegurou que “non houbo modificacións na construción” por parte da UTE “só no plan médico funcional que son servizos que decide o Sergas”. O responsábel da UTE asegurou que dos 271.000 metros cadrados previstos inicialmente no prego “entregamos finalmente 275.000 metros cadrados”.
Santiago Pérez, en resposta ao BNG e ao PSdeG, ratificou que o número final de camas do Álvaro Cunqueiro, menos do previsto inicialmente, ten a ver co plan médico funcional: “A Xunta decidiu que habitacións previstas coma dobres pasaran a ser sinxelas, usar menos camas”. En todo caso, ratificou que a UTE concesionaria “cumpriu” e subliñou que o resultado final dos servizos hospitalarios do hospital foi o resultado da aplicación do plan médico funcional elaborado polo Sergas.
O deputado do BNG Óscar Ínsua lembrou ao comparecente o informe do Consello de Contas, que avala que “faltan metros cadrados útiles” e referiuse ao informe de 2012 dos técnicos da Consellaría de Sanidade, que tamén sinala que o hospital ten 31.000 metros cadrados menos que os prvistos en zonas hospitalarias e aparcadoiro e cifra en 30 millóns de euros (15,8% do Presuposto de Execución Material) o que esa redución de metros cadrados tería abaratado o prezo inicial da construción. Santiago Pérez dixo non ter coñecemento do informe, que o BNG demandou de novo á Comisión que solicite á Xunta da Galiza.
O deputado do PP Roberto Rodríguez instou o BNG a entregalo directamente á comisión recoñecendo mesmo que pedilo suporía “a busca do tesouro” na Consellaría de Sanidade. Sobre este informe, o deputado do BNG Iago Tabarés lembrou ao PP que “na documentación facilitada pola Xunta a esta comisión no expediente falta documentación, e vostedes pídenlla á oposición, deberían pórse colorados”.
“Enfermos pasillábeis”
Na comisión compareceu o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, que detallou a situación previa ao Cunqueiro: “Non había espazos, as comunicacións eran malísimas e tiñamos moitas deficiencias, era un hospital insuficiente e no Xeral había o que chamábamos enfermos pasillábeis”. Ao respecto, Tabarés explicou a Puente que el mesmo foi “un deses pacientes pasillábeis en marzo deste ano na área sanitaria de Ourense”.
As cifras de funcionamento do Cunqueiro logo de 10 anos de actividade esgrimidas na comisión polo xerente foron rebatidas pola deputada socialista Elena Espinosa, que lembrou a Puentes que o centro sanitario vigués “non cumpriu ningunha ratio” das estabelecidas no seu plan funcional. Espinosa referiuse polo miúdo a cuestións como as camas, quirófanos, intervencións previstas, ingresos hospitalarios, o hospital de día e mesmo as unidades de queimados e cirurxía maxilofacial”, para lembrarlle ao xerente que “non cumpre o previsto no plan” do Sergas.