Os concellos piden máis financiamento para non "condenar o SAF ao fracaso"

García, Barral, Varela, Sanmartín e Cid, esta terza feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Alberto Varela ve un posíbel acordo coa Xunta "moi lonxe"

Na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en Compostela confluíron esta terza feira a primeira visita oficial da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o comezo da campaña 'A voz das mulleres non se apaga' –polo 25-N– e o decurso das negociacións entre a Fegamp e a Xunta da Galiza a conta do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A respecto deste último, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, asegurou esta terza feira que o acordo coa Xunta “está moi lonxe”. Alcaldes e alcaldesas de todos os partidos alertan de que “a competencia impropia” que están asumindo co SAF “afogan” os concellos.

"A proposta da Xunta foi rexeitada por toda a Executiva da Fegamp e por alcaldes de todos os partidos políticos”, dixo Varela.  "Queremos que se cumpra a Lei de dependencia e que estea financiado a 100% por Xunta e Estado español”, afirmou. O servizo recibe 12 euros por hora, cando o prezo medio está por riba dos 20 euros, e en moitos concellos nos 24 e 25 euros. Sumouse ás críticas a alcaldesa de Compostela. “Non é razoábel que os concellos estean a dedicar 20% ou 30% do seu orzamento a custear este servizo”, dixo o presidente da Fegamp, advertindo de que "ou pomos xa un bo financiamento ao SAF ou está destinado ao fracaso".

Violencia machista

Alcaldes e alcaldesas de todo o país asistiron esta terza feira na sede da Fegamp á presentación da campaña 'A voz das mulleres non se apaga', con motivo do 25-N. Compartiron un “xa abonda” a respecto do "negacionismo" da violencia machista e aseguraron que “non imos aceptar que ninguén cuestione esta realidade”. O presidente da Fegamp advertiu de que “hai formacións políticas que están negando sistematicamente a violencia de xénero”, con “bulos” cos que cuestionan datos e estatísticas.

Goretti Sanmartín sinalou que vivimos “tempos de involución e problemáticos" e fixo un chamado a “estar máis ca nunca unidas as administracións reclamando e reivindicando políticas de xénero, e pondo freo ás voces negadoras", dixo.