Concellos afectados pola celulosa de Altri acordan "unha ofensiva común"

Os alcaldes Adán, Pérez, Calvo, Carril e Penas, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
Os cinco alcaldes acordaron “comezar a traballar nun calendario de accións de resposta común” no que queren implicar até outros 20 alcaldes do Ulla, desde A Ulloa até a ría de Arousa. Tamén chaman a participar da mobilización convocada para este sábado na Pobra do Caramiñal.

Os alcaldes de Melide, Toques e Santiso (Terra de Melide), Arzúa (na comarca homónima) e Agolada (O Deza), a chamada “zona cero” afectada polo proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) mantiveron esta segunda feira un encontro no Concello de Melide para avanzar nunha estratexia común a nivel municipal en resposta á declaración de impacto ambiental (DIA) outorgada o 14 de marzo pola Xunta de Galiza ao proxecto de Altri-Greenalia en Palas de Rei.

En Melide, cuxo casco urbano fica a 5 quilómetros do predio onde se quere erguer a pasteira, o alcalde Xosé Manuel Pérez Penas recibiu os seus homólogos dos concellos afectados na contorna. Como xa avanzara a Nós Diario o rexedor melidense, os cinco alcaldes acordaron “comezar a traballar nun calendario de accións de resposta común” no que queren implicar até outros 20 alcaldes do Ulla, desde A Ulloa até a ría de Arousa.

Os cinco coincidiron esta segunda feira en que “a DIA da Xunta non fecha a porta á posibilidade de frear o proxecto pola súa incompatibilidade cos criterios europeos de protección ambiental”.

Xosé Manuel Pérez (Melide), Xoán Xesús Carril (Arzúa), Luís Calvo (Agolada), José Ángel Penas (Toques) e Manuel Adán (Santiso) amosaron “a preocupación existente en cadanseu municipio arredor do impacto que sobre o medio o benestar da veciñanza e a economía local ao longo da bacía do río Ulla terá a instalación desta macrocelulosa”.

A xuntanza tivo un carácter “preliminar”, explicaron os rexedores ao remate e deseñaron “unha estratexia conxunta en defensa dos municipios afectados”. Acordaron levar a cabo “accións de forma coordinada”.

O alcalde de Melide explicou a Nós Diario, que o obxectivo é implicar nesta coordinación “até 20 alcaldes” do Ulla para levar adiante actuacións como reunirse co Ministerio de Transición Ecolóxica en Madrid e mesmo “coordinar” unha posíbel acción xudicial futura”.

Chamamento á mobilización e servizo de autobús gratuíto desde Arzúa

Os concellos chaman a veciñanza a participar na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), e que apoian tamén as plataformas 'Mina de Touro-O Pino Non' e Ulloa Viva, contra o proxecto de Altri "e en defensa do medio ambiente e das economías locais". A mobilización terá lugar o 22 de marzo ás 12 horas na Pobra do Caramiñal (O Barbanza). Esta convocatoria busca "visibilizar o rexeitamento social ao impacto ambiental e económico que suporía a implantación da factoría".

Para facilitar a asistencia, o Concello de Arzúa confirmou que habilitará un autobús gratuíto con saída ás 10h desde o aparcadoiro da rúa de Lugo. As persoas interesadas en utilizar este servizo poden inscribirse chamando ou enviando unha mensaxe ao 626 798 291.