O Concello de Pontevedra conxela taxas e impostos por undécimo ano consecutivo

O concelleiro de Economía e Facenda de Pontevedra, Raimundo González, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, explicou que as proxeccións económicas dos servizos municipais indican que a prestación dos servizos básicos está garantida.

O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, compareceu en rolda de prensa esta sexta feira, 18 de outubro, para anunciar a conxelación das taxas e impostos municipais no Concello de Pontevedra por undécimo ano consecutivo. O concelleiro explicou que a decisión chega “unha vez realizadas as proxeccións económicas necesarias para a prestación dos servizos básicos” á cidadanía.

González lembrou que “aínda que poida parecer obvio”, o obxectivo fundamental dos ingresos é prestar os servizos básicos fundamentais. A proxección económica realizada nos servizos económicos do Concello de Pontevedra indica que non é necesario subir os impostos ou as taxas para poder seguir mantendo os nomeados servizos. “Para nós, o asunto das taxas e dos impostos, no que se acostuma caer na demagoxia, require dun estudo complexo que no noso caso ofrece resultados moi positivos”.

Así, á decisión de manter a mesma presión fiscal para a veciñanza pontevedresa chégase, de modo principal, grazas ao aumento de ingresos a través de distintas fontes, como o repunte de recadación de impostos no caso do ICIO, asociado ás obras; ou o incremento das transferencias estatais.

A conxelación das taxas e impostos aforrará aos pontevedresas e pontevedresas un total de 1,57 millóns de euros, que non terán que asumir no seu peto a subida do IPC.

En definitiva, “non nos damos por satisfeitos”, engadiu o concelleiro. “Seguiremos traballando na depuración de padróns e actualización e na persecución de fraudes. Falamos de actuacións que nos deron bo resultado até o de agora. Malia non subirmos impostos e taxas, os ingresos foron medrando, por diversas causas, pero foron medrando. Nós o que buscamos con todo isto é a equidade fiscal, que todo o mundo pague, non é un afán recadatorio, é tratar a todos os cidadáns da mesma maneira, ademais de buscar eficiencia no gasto”.