O Concello de Bueu urxe a convocatoria da Mesa por Ons e cualifica de “inaceptábel” o trato de Ángeles Vázquez á veciñanza
O pleno municipal aprobou unha moción na que critica a “falta de respecto continuada” da conselleira de Medio Ambiente cara aos veciños e veciñas de Ons e reclama a convocatoria urxente da Mesa por Ons, malia que sen incluír a declaración de ‘persoa non grata’.
O Concello de Bueu (O Morrazo) aprobou unha moción na que cualifica de “inadmisíbel” e “inaceptábel” a “falta de respecto continuada” da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, cara á veciñanza de Ons, ao tempo que urxe a convocatoria da Mesa por Ons. O edil Daniel Chapela, que dimitiu como coordinador de Cultura do PPdeG en novembro de 2024 e mantén a súa acta como concelleiro non adscrito en Bueu, foi o encargado de defender a iniciativa, que inicialmente propoñía declarar á conselleira como ‘persoa non grata’.
Con todo, o alcalde, Félix Juncal (BNG), trasladou que o goberno local só apoiaría unha moción nos termos finalmente aprobados, centrada en reclamar a convocatoria da Mesa por Ons e en expresar críticas á xestión de Vázquez, pero sen incluír o punto relativo á declaración de ‘persoa non grata’. Ao respecto, Chapela considerou que “é evidente” que a conselleira debería ser declarada non grata, mais afirmou comprender a vontade do executivo municipal de manter o respecto institucional, polo que accedeu a modificar o texto para facilitar un acordo. A proposta foi rexeitada polos concelleiros do PP.
O Concello de Bueu xa reprobara á conselleira de Medio Ambiente nun pleno celebrado en xuño de 2025, cando BNG e PSOE apoiaran outra proposta de Chapela —coa abstención do PP— na que tamén se reclamaba a convocatoria da Mesa por Ons. A moción expón que as queixas da veciñanza teñen a súa orixe tanto no trato recibido por parte da conselleira como nas problemáticas relacionadas co acceso digno ás súas vivendas na illa.