A concelleira Avia Veira será a candidata do BNG á Alcaldía da Coruña
O BNG da Coruña fará oficial, na Asemblea Local da formación que terá lugar esta tarde no Hotel Riazor, a proclamación da concelleira Avia Veira como candidata á Alcaldía para as eleccións municipais de 2027. A de Veira foi, segundo puido confirmar Nós Diario, a única candidatura rexistrada en tempo e forma para encabezar a lista nacionalista na cidade herculina.
A edil substituirá así como cabeza de cartel nos vindeiros comicios Francisco Jorquera, quen o pasado 11 de marzo anunciou a súa renuncia a repetir como candidato. "Voume satisfeito vendo que o nacionalismo é a alternativa", dixo o aínda portavoz do BNG na Coruña nunha entrevista concedida a este xornal.
Avia Veira, nada na Coruña en 1986 e licenciada en Filoloxía Galega, accedeu ao Pazo de María Pita como concelleira nacionalista en 2012. Un cargo que mantivo até a data.