A comisión organizadora do XV congreso do PSdeG arranca os seus traballos

Reunión da comisión organizadora do XV congreso do PSdeG en Compostela. (Foto: Nós Diario).

Os traballos de organización do XV congreso do PSdeG están en marcha. A comisión organizadora do conclave mantivo esta semana a súa primeira xuntanza.

8 e 9 de marzo son as datas marcadas en vermello no calendario do PSdeG para a realización do XV congreso, ao que chega tras o desenvolvemento dun conclave estatal que reforzou o poder interno de Pedro Sánchez.

A comisión organizadora do encontro reuniuse esta semana para ir concretando o calendario fixado no comité nacional do partido desenvolvido o pasado 21 de decembro en Compostela.

A primeira cita de relevo neste calendario está fixada para o 13 de xaneiro, cando se abrirá o prazo para a presentación de precandidaturas á secretaría xeral. Neste sentido, desde a comisión organizadora lembran que o seu feche está previsto para 17 de xaneiro.

A única candidatura á secretaría xeral que se dá por fixa para o congreso é a de José Ramón Gómez Besteiro, que ostenta por segunda vez esta responsabilidade desde o pasado 28 de abril, tras verse obrigado a renunciar a mesma en marzo de 2016.

O sector crítico nucleado ao redor do anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero aínda non aclarou as súas intencións de cara ao congreso. Aínda así, nas últimas semanas volveu criticar a xestión de Valentín González Formoso e  Gómez Besteiro a quen responsabilizou dos retrocesos electorais da formación. 

A dúbida de Caballero

A comezos da pasada semana, Caballero afirmou nunha entrevista na TVG que o PSdeG debía optar entre o “cambio ou a irrelevancia”. Nesta dirección, asegurou que a dirección do partido encabezada por González Formoso “errou”, “levounos a caídas electorais continuas”.

Ferraz non acertou coas súas preferencias orgánicas para o PSdeG”, aseverou Gonzalo Caballero, nunha crítica evidente ao equipo de Pedro Sánchez que apostou de xeito decidido por Formoso e Gómez Besteiro.