Un grupo parlamentario propio para o BNG? Esta é a estimación do CIS de marzo
O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) presentou esta cuarta feira o seu barómetro correspondente ao mes de marzo, onde o PSOE aparece como a forza máis votada de cara a uns comicios estatais e o BNG alcanza unha estimación de voto no Estado de 1,7%, o seu máximo histórico nun proceso electoral deste tipo.
A enquisa do CIS do mes de marzo, publicada tras as eleccións en Castela e León —para as que o instituto público elaborou a sondaxe que máis se achegou aos resultados finais—, outorga ao PSOE 31,8% en estimación de voto, dúas décimas máis que as obtidas nos comicios estatais de xullo de 2023. A continuación situaríase o PP, con 23,3%, catro décimas máis que no anterior proceso electoral, ficando en terceira posición o ultraespañolista Vox, a quen a mostra atribúe 16,6% dos sufraxios, 4,3 puntos por riba dos resultados do proceso electoral de 2023.
Unha das grandes sorpresas da sondaxe difundida esta cuarta feira polo CIS ofrécea o BNG. Segundo este traballo do instituto público, os nacionalistas alcanzan 1,7% de estimación do voto, o que significa un incremento de máis de un punto en relación cos comicios de xullo de 2023, onde logrou un apoio de 0,62%. Na tradución en escanos que cada mes realiza o Instituto EM-Analytics coas sondaxes do CIS, o BNG rompería todas as súas marcas electorais no Congreso conseguindo sete escanos, seis máis que na actualidade, e polo tanto cun grupo parlamentario propio na Cámara Baixa por primeira vez na historia.
A mostra ofrecida polo CIS incide na foto das anteriores sondaxes e debuxa un escenario para despois das eleccións de 2027 sen maiorías absolutas. Neste sentido, a enquisa deixa a suma entre PP e Vox en 164 escanos, outorgando ao PSOE, ás outras siglas da esquerda de ámbito estatal e aos nacionalistas 186 deputados e deputadas. A este respecto, a tendencia marcada polo CIS no último ano avanza un Goberno socialista apoiado polas forzas nacionalistas de Catalunya, Euskadi e Galiza, que lograrían no seu conxunto 27 escanos, oito máis que a suma de Podemos e Sumar.
Ataque ao Irán
O CIS interesouse neste barómetro de marzo pola opinión da cidadanía do Estado sobre a agresión militar dos Estados Unidos e Israel contra Irán. A este respecto, 25,3% dos entrevistados maniféstanse "moi preocupados" polos "bombardeos de Israel e Estados Unidos no Irán e a resposta do Irán"; 39% "bastante preocupados"; 17,1% "algo preocupados"; 7,6% "pouco preocupados", e 7,8% "nada preocupados". Ao tempo, 3,3% da poboación asegura que "non ten criterio", "non ten información", "élle indiferente", "non sabe" ou "non contesta".
A gran maioría da poboación consultada polo CIS para a súa enquisa de marzo amósase contraria á guerra: 41,7% expresa "moito rexeitamento" sobre as "actuacións de Estados Unidos e Israel", 27,5% "bastante rexeitamento", 0,3% "regular", 12,4% "pouco rexeitamento", 12,1% "ningún rexeitamento" e 4,5% expresa que "non sabe", "non contesta" ou "non ten información". Estes datos non poden desligarse dos recollidos polo CIS no mes pasado, onde 76,5% da cidadanía do Estado declaraba ter unha opinión "mala ou moi mala" sobre Donald Trump e 79,5% considerábao como "un perigo para a paz mundial".