CIS de marzo: o BNG obtería un resultado histórico e 7 escanos no Congreso
O CIS sitúa o BNG electoralmente disparado. No barómetro de marzo, a formación nacionalista duplicaría apoio, o que, nunha tradución en escanos, suporía alcanzar os 7 deputados e deputadas. O PSOE volvería ser primeira forza, recortando distancia co PP.
O Barómetro de opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de marzo, dado a coñecer esta cuarta feira, día 18, coloca de novo o PSOE na cabeza cunha estimación de voto de 31,8% (por riba do 31,68% obtido nas eleccións estatais de 2023), pero os socialistas perden oito décimas respecto ao CIS de febreiro (no que obtiveron 32,6%) e ven reducida nun punto a súa vantaxe sobre o PP, agora fixada en 8,5 puntos. Os populares obterían 23,3% de apoio (por riba do 22,9% do CIS do mes pasado e por baixo do 33% obtido nas eleccións de 2023).
Mais a sorpresa do barómetro é o gran salto que experimentaría o BNG que con 1,7% duplicaría os apoios do barómetro do mes anterior (0,8%) e sobrepasaría por moito os obtidos nas últimas eleccións estatais, nas que obtivo 0,62% de apoio, 152.327 votos e un escano, o do deputado Néstor Rego pola circunscición da Coruña. Na tradución en escanos que cada mes realiza o instituto EM Analytics coas sondaxes do CIS, o BNG rompería todas as súas marcas electorais no Congreso conseguindo 7 escanos e un grupo galego na Cámara Baixa por primeira vez. A súa maior marca electoral até o de agora foi no ano 2000 cando, con 306.268 votos, obtivo tres escanos.
Na súa proxección de escanos, EM Anlytics sinala que "o CIS estima 1,7% de voto a nivel nacional para o BNG, polo que tendo en conta o peso poboacional da Galiza sobre o censo nacional, para darse esta situación, o partido debería roldar o 25% do voto nesta comunidade autónoma nunhas xerais".
Nesta enquisa, a primeira tras o ataque de Estados Unidos e Israel contra o Irán, Vox rexistra unha perda de apoio de máis de dous puntos e agora queda cun apoio de 16,6% (pero por riba do 12% colleitado en 2023), mentres que Sumar mantense en 7,1% (o CIS de febreiro dáballe 7% e nas eleccións obtivera 12%).
Unidas Podemos sería quinta forza, con 2,9% do voto estimado, un punto e medio porcentual menos que hai un mes. Nas eleccións estatais de 2023, a formación liderada pola deputada navarra Ione Belarra concorreu dentro da coalición Sumar, mais ao comezo da lexislatura decidiron abandonar o grupo parlamentario de Yolanda Díaz.
Así, o BNG e Euskal Herria Bildu pasarían por diante de Junts, que perdería a metade do apoio, con só o 0,6% (-0,6). A formación galega alcanzaría 1,7% do voto estimado (+0,9) e os soberanistas vascos terían 1,1% (+0,1). O Partido Nacionalista Vasco pasaría do 0,8% de febreiro ao 0,5% de marzo.
Rexeitamento rotundo á guerra
O CIS sinala que sete de cada dez habitantes no Estado rexeitan o ataque dos Estados Unidos e de Israel contra o Irán e 85% asegura que a guerra contra este país provócalle "moito ou bastante rexeitamento". O órgano que dirixe o sociólogo José Félix Tezanos realizou este estudo entre os pasados días 2 e 6, isto é, en plena escalada da guerra contra o Irán, que deu comezo o pasado 28 de febreiro. A enquisa inclúe varias preguntas sobre os recentes bombardeos dos Estados Unidos e Israel sobre o Irán e revela, en concreto, que 64,3% das persoas enquisadas está "moi ou bastante preocupada" por este conflito, fronte a só un 17,1, que di estar "algo preocupada", e 15,4%, que asegura estar "pouco ou nada preocupada".
Ante o interrogante de se esta situación bélica supón un risco para a paz internacional, 85,4% das persoas enquisadas responde afirmativamente fronte a só 10%, que o fai de forma negativa.
A maior preocupación: a vivenda
A preocupación pola vivenda marcou un novo récord nas enquisas do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), solicitando un 43,5% de mencións no barómetro de marzo, no que volve a figurar como primeiro problema. Séguena a crise económica, con case 4,5 puntos máis respecto a xaneiro, e os problemas relacionados coa calidade do emprego, que se colocan na terceira posición.
No primeiro estudo deste tipo tras o estalido da guerra en Oriente Próximo, incrementáronse en 4,4 puntos as mencións aos problemas económicos, que escalan da terceira á segunda praza, cun 22,5. E os relacionados coa calidade do emprego soben 2,4 puntos, até 18,3%, o seu récord até a data. É a mesmo porcentaxe que rexistrou o pasado mes de outubro, cando tamén aparecía como o terceiro problema.