Barómetro CIS: O PSOE perde sete puntos após o 'caso Cerdán'

PSOE e PP rexistran empate técnico. (Gráfico: Nós Diario)
Empate técnico de socialistas e o PP e sobe o BNG.

O Barómetro do mes de xullo realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) mantén o PSOE como primeira forza no Estado español, aínda que só medio punto por riba do PP, após o caso que levou ao cárcere o ex secretario de Organización socialista Santos Cerdán. O BNG obtería 0,7%, unha décima por riba dos resultados obtidos las eleccións estatais de 2023.

O estudo baséase en 4.018 entrevistas telefónicas realizadas entre os días 1 e 7 de xullo. É dicir, o CIS empezou facer as enquisas xusto despois do ingreso en prisión de Cerdán e finalizou após o congreso estatal do PP, que tivo lugar a pasada fin de semana.

O Barómetro reflicte un forte retroceso do PSOE, que cae até 27% en estimación de voto, o que supón unha perda de 7,3 puntos respecto ao mes anterior. O PP tamén baixa, aínda que de forma máis moderada, situándose en 26,5%, o que representa unha baixada de 0,8 puntos.

En terceira posición, Vox, que ten 18,9% en estimación de voto, o que supón un incremento de 5,7 puntos respecto á enquisa do CIS de xuño. Pola súa parte, Sumar sobe até 7,8%, mellorando en 0,8 puntos o seu resultado anterior. Podemos tamén mellora lixeiramente, con 4,4% (+0,2), mentres que o partido de Alvise Pérez, Se acabó la Fiesta , sobe a 1,7% (+0,2).  

ERC aumenta e logra 2,1% (+0,7), consolidando a súa vantaxe sobre Junts, que se mantén no 1%. En Euskadi, EH Bildu baixa unha décima até 0,9%, mentres que o PNV sobe unha e sitúase en 0,8%. O BNG obtería 0,7% dos votos, unha décima máis que no Barómetro de xuño e tamén por riba dos resultados nos comicios estatais de 2023.

Antocorrupción

A Fiscalía Anticorrupción opúxose esta sexta feria ao recurso presentado por Santos Cerdán para saír de prisión provisional. O Ministerio Público impugna os motivos expostos pola defensa de Cerdán, incidindo en que, de se acorda a súa liberdade, poderían alterarse ou destruírse fontes de proba.