A CIG-Ensino lamenta que Paula Prado (PP) "volva verter acusacións falsas contra o sindicato"
"A feble liña entre o PP e a Xunta da Galiza acabou de diluírse os últimos días coa secretaria xeral deste partido na Galiza [Paula Prado] exercendo como se se tratase do conselleiro de Educación e facendo oposición á CIG-Ensino con varias comparecencias públicas nas que aparece atacando o sindicato maioritario no ensino público", denunciou a central sindical.
"En concreto, no día de onte [esta quinta feira] a dirixente popular deu unha rolda de prensa na que amosou diversos materiais cos que, segundo ela, 'o sindicato pretendía adoutrinar nos colexios'", contextualizou a CIG-Ensino sobre a comparecencia de Prado.
"A estratexia orquestrada polo PP, tamén polo que está no Goberno da Xunta, está clara: desacreditar diante da sociedade á CIG-Ensino e situar tamén o profesorado no punto de mira para que se autocensure na súa actividade docente alentando ás familias a denunciar todo aquilo que consideren adoutrinamento", continuou.
Referíase Prado a unhas publicacións que non son autoría da CIG-Ensino e que "simplemente foron referenciadas" na unidade didáctica titulada 'Dun plumazo' fornecida no ano 2019 para traballar en Secundaria a diversidade sexual con motivo da conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+ que se pode consultar na web da CIG-Ensino.
En concreto, a CIG-Ensino "tardou en localizar os materiais" aos que se refería Paula Prado porque ningún deles pertencían ao sindicato. Finalmente nunha ligazón desta publicación referenciábase un fanzine que, como tal, se sitúa na contracultura e na subversión, obra da Asociación Cultural A Galheira de Ourense e que vén de ser incorporado este mesmo ano aos fondos documentais do Consello da Cultura Galega.
Desde o sindicato preguntan á Consellaría de Educación e á de Cultura se consideran que este material "non debe estar a disposición pública por parte desta institución ou tamén pretenden aplicar a censura".
Por todo isto, a CIG-Ensino lamenta que Paula Prado "centre a súa acción política só en enlamar e en manipular". Alén disto, lembran á responsábel popular que a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación da LGTBIQA+ na Galiza aprobada por unanimidade no Parlamento galego, tamén polo seu partido, "indica a necesidade de incluír a diversidade afectivo-sexual e de xénero como un contido no currículo escolar".
A CIG-Ensino indica que seguirá levando a cabo recursos didácticos en cumprimento da normativa vixente e confía no criterio do profesorado galego para empregar aqueles que considera "máis axeitados en función da idade e o nivel de ensinanza" mais "non amparará ningún intento de censura veña do Partido Popular ou da Xunta".
A fonte da polémica
A contestación da CIG-Ensino chega despois de que Prado manifestara que o BNG, a través da CIG, "tenta coar nos colexios materiais de todo tipo", expoñendo desde o atril no que compareceu contidos que mostran o escritor Eduardo Blanco Amor "espido", así como materiais con camisetas reivindicativas "do comunismo, coa bandeira estreleira do BNG e unhas vestimentas un pouco sados e bondage".
Así mesmo, Paula Prado puxo o foco noutra proposta na que se observa a Rosalía de Castro, "silenciada e sumisa" segundo Prado, e cun enunciado no que se pode ler '50 negras sombras'. "Queren unha Rosalía silenciada e sumisa e despois queren darnos leccións de feminismo", dixo a popular.
"Estes son os recursos didácticos que quere o BNG para os nosos nenos na educación galega. Nós non o imos a consentir", reivindicou antes de avanzar que denunciarán todos estes materiais "pseudodidácticos", que ademais de ser unha crítica social no canto dunha maneira na que a persoa autora queira ver a Rosalía, rematouse por saber que non pertencen á CIG-Ensino nin ao BNG.
Non só isto, senón que forman parte do repositorio do Consello da Cultura Galega, un organismo oficial independente recollido no Estatuto da Galiza e cuxa función é asesorar os poderes públicos. E empregando todos estes argumentos errados ou terxiversados, Prado destacou que o BNG se converteu en "unha auténtica película de terror" que, na súa opinión, "os galegos non a queren ver".