A CIG denuncia que a Xunta "premia" o ex conselleiro Vilares cunha praza "escondida e non ofertada" de veterinario en Viveiro

O ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, o 6 de xuño. (Foto: Arxina)
Nun comunicado, a CIG-Administración Autonómica criticou o Goberno galego por "reservar" este posto para o ex conselleiro do PP "cando non ten dereito a reserva por ser persoal temporal".

A CIG denunciou esta segunda feira que a Xunta da Galiza "premia" o ex conselleiro de Mar Alfonso Vilares, que dimitiu en xuño tras ser investigado por unha suposta agresión sexual, cunha praza "escondida e non ofertada" de veterinario en Viveiro (A Mariña).

Nun comunicado, a CIG-Administración Autonómica criticou o Goberno galego por "reservar" este posto para o ex conselleiro do PP "cando non ten dereito a reserva por ser persoal temporal". Recriminou que, tras unha "vergoñosa despedida multitudinaria" da Xunta de Alfonso Rueda a Vilares, concedeu este posto ao ex conselleiro a pesar de non superar "os procesos selectivos".

O sindicato explicou que Vilares participou nun proceso de estabilización para o corpo facultativo superior, escala veterinario, no que "non alcanza praza". Agora, advertiu de que ocupará un posto na oficina de Viveiro, "cando o posto que ocupaba con carácter previo é da área de Mondoñedo", polo que cuestiona se a Xunta lle concede esta praza para estar "máis perto da súa casa".

"Lembremos que leva máis de 20 anos ocupando, sendo temporal, unha praza de funcionario que permaneceu escondida pola Administración do PP da Xunta da Galiza e que non foi ofertada a persoal veterinario funcionario de carreira que ten máis dereito sobre ela", continuou o sindicato.

Antes Ribadeo e agora Viveiro

"Estivo así, oculta e gardada para el, mentres tivo responsabilidades políticas, antes en Ribadeo e agora, para achegarse máis á súa casa, en Viveiro. Na CIG preguntámonos, a Xunta da Galiza resérvalle un posto de traballo a un ex conselleiro acusado de agresión sexual?", cuestionou o sindicato nacionalista.

Ademais, advertiu de que Emprego Público "non inclúe" esta praza no concurso de traslados. Por todo iso, a CIG insta a Administración galega a incorporar esta praza ao concurso de traslados e "se o señor Vilares quere traballar como funcionario da Xunta da Galiza, que estude, se presente a unhas oposicións e as aprobe".