Cesado nas súas funcións de Goberno un concelleiro ‘tránsfuga’ de Viana do Bolo

Viana do Bolo

"A sentenza do Tribunal Supremo declara que os concelleiros tránsfugas non poden asumir novos cargos e retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas", indica o BNG.

Santiago Barja foi cesado nas súas función de Goberno no Executivo local de Viana do Bolo saído da moción de censura para desbancar o nacionalista Secundino Fernández, segundo vén de informar o BNG desta localidade.

“O BNG vén de recoller a resolución de cese como 2º tenente alcalde, como membro da xunta de goberno local e nas súas función de concelleiro delegado de política rural de Santiago Barja Barja. Lembrar que Santiago Barja é concelleiro non adscrito tránsfuga, un dos que traizoaron o votado polas veciñas e veciños de Viana do Bolo”, indica o BNG.

“Naquel pleno celebrado o pasado 1 de setembro os votos do PP de Andrés Montesinos e dous tránsfugas do PSOE apartaron antidemocraticamente, da alcaldía Secundino Fernández Fernández traizoando a vontade dos veciños e veciñas de Viana do Bolo”.

A sentenza da Sección Cuarta da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo indica que o pase a concelleiro non adscrito “impide que se asuman cargos ou perciban retribucións que antes non exercían ou percibían e que impliquen melloras persoais, políticas ou económicas”.

En base a esta Sentenza, e pola que é cesado este concelleiro.

“No BNG congratulámonos de que o Tribunal nos dea a razón e recoñeza o carácter antidemocrático e contrario a dereito dunha moción de censura que levou á alcaldía a un tránsfuga en contra da vontade da veciñanza de Viana do Bolo”.