Concentracións na Galiza

Centos expresan a súa solidariedade con Catalunya e piden a liberdade para os presos políticos

Un aspecto da mobilización de Compostela [GZ Contrainfo].

"Estado español, estado represor", un dos cánticos coreados este serán, resume o espírito da mobilización de centos de persoas esta segunda feira nas cidades galegas en solidariedade con Catalunya e a prol da liberdade dos presos políticos.

A nutrida presenza de estreleiras e de militantes e simpatizantes das forzas soberanistas foi a nota dominante das concentracións habidas este serán en 8 localidades do país a secundar a convocatoria da plataforma Galiza con Catalunya.

 

"Fascismo nunca máis" e "Galiza Catalunya/solidariedade" foron algúns dos cánticos máis coreados na concentración de Vigo, informa @GZContrainfo. Tamén houbo alusións directas ao xuíz Llarena, o instructor da causa contra o independentismo catalán: "Llarena, fascista, ti es o terrorista!".

 

Na Coruña, na leitura do manifesto acabaron participando cataláns e catalás presentes na cidade que de forma espontánea se uniron á mobilización, na que tomou parte o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

 

En Compostela -onde leu o manifesto o escritor e colaborador de Sermos Suso de Toro e onde se cantou Els Segadores, o hino nacional de Catalunya- acudiron á mobilización a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o alcalde da cidade e dirixente de Anova, Martiño Noriega.