Cada día anótanse 3 persoas no rexistro de demandantes de vivenda
A política de vivenda do PP durante os dez anos de goberno Feixoo resumiuna Antón Sánchez, do grupo Común da Esquerda e autor da iniciativa que deu pé ao debate: “Deixan a política de vivenda en mans dos especuladores. Cando lles interesa construír pisos de protección oficial, si hai cartos públicos; cando as necesidades sociais o impoñen, non”.
A comisión de Ordenación Territorial desta quinta feira desenvolveuse nun ton ácido despois de que o voceiro popular, Jaime Castiñeira, cualificase as políticas de vivenda do bipartito e dos gobernos municipais das mareas como “política de ocupación”.
A iniciativa foi emendada polo PSOE, que pediu incluír unha definición do concepto vivenda baleira a través dunha modificación da lei galega. “Pódese facer aquí”, insistiu María Luisa Pierres. Na comisión lembrouse que houbera un acordo para esperar que o Goberno español desenvolvera a norma estatal, que tamén habilitaría aos concellos para, a través do IBI, incentivar o mercado do alugueiro.
A iniciativa e a emenda foi apoiada por toda a oposición. Luís Bará, do BNG, achegou outro dato: dos 2,3 millóns previstos o ano pasado para axudas ao alugueiro, a Xunta executou 53.000 euros. “Converteron un dereito nun luxo. Os prezos tiveron un incremento desmesurado, a oferta baixou, tamén o investimento público, e os salarios seguen caendo... Estamos asistindo a un festín dos voitres”.