Buscan bidóns radioactivos fronte á Galiza dos que a UE non informara

A eurodeputada do BNG Ana Miranda, en Bruxelas. (Foto: Nós Diario)
 A institución europea, preguntada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, recoñeceu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns radioactivos na costa galega desde 2003.

O estudo que está a facer o buque oceanográfico francés L’Atalante a 650 quilómetros da costa galega, en relación a milleiros de bidóns con residuos radioactivos, trouxo de novo á actualidade a falta de información que hai sobre este tema e as súas posíbeis consecuencias negativas para o medio ambiente. 

Esta quinta feira mesmo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse de novo á Comisión Europea sobre a existencia deses residuos, en total máis de 220.000 bidóns, que se botaron ao océano entre 1940 e 1985. Precisamente, na resposta a unha das preguntas remitidas, a Comisión sinala que as verificacións se levan a cabo periodicamente en virtude do Tratado Euratom. Porén, ao mesmo tempo, a Comisión recoñeceu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes cos que conta, referidos ás augas do Atlántico Norte, datan de 1990 e 2003.

No documento remitido á institución europea, Miranda lembra que a propia CE "recoñeceu a existencia de residuos nucleares fronte á costa de Galiza, aínda que tamén que carece de estudos actualizados sobre o seu impacto". Por este motivo, Miranda interesouse por saber que pasos seguirá o órgano europeo "tendo en conta que non cumpriu despois de que a Comisión incluíse a vixilancia da radioactividade mariña fronte á costa da Galiza no programa de verificación de 2020". 

Máis de 1.000 bidóns

Precisamente, L’Atalante vén de notificar que xa ten localizados máis de mil bidóns con material radioactivo. A expedición, organizada polo Centre national da recherche scientifique (CNRS), tamén está analizando mostras de sedimentos, auga e animais na zona para realizar un informe sobre o seu estado actual. 

Pola súa parte, a Xunta da Galiza, a través da Dirección xeral de Calidade Ambiental, solicitou ao Consello de Seguridade Nuclear, dependente do Goberno español, información sobre a expedición oceanográfica francesa e os bidóns.