Bronca no Parlamento ao Pontón acusar o PP de boicotear a comisión de investigación dos contratos da Xunta
Final axitado da sesión de control ao presidente galego, Alfonso Rueda, no Pazo do Hórreo. O xefe do Executivo galego exixiulle á líder do BNG, Ana Pontón, que "rectifique" tras afirmar esta que o PP quere "impoñer" o plan de traballo da comisión parlamentaria activada para investigar contratos da Xunta na pandemia e con firmas como Eulen, na que é directiva a irmá do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo.
Pontón pediulle a Rueda que non boicotee a comisión de investigación impoñendo o plan de traballo do PP. "Téñenlle terror á investigación, pero se tivesen a conciencia tranquila permitirían que a comisión traballara en lugar de tentar boicoteala", dixo. A líder do Bloque denunciou no Hemiciclo a deriva autoritaria do titular da Xunta e reclamoulle que rectifique e negocie coa oposición as comparecencias sen vetos.
A comisión de investigación, que naceu impulsada polos nacionalistas, tamén pon o foco no modelo de financiamento do Hospital Álvaro Cunqueiro, analizado con detalle nun informe do Consello de Contas. Neste sentido, Ana Pontón reclamou o rescate do hospital Álvaro Cunqueiro porque ninguén entende que se rescate as concesionarias e non a sanidade pública".
Rueda negou boicot ningún e ironizou con que ao BNG non lle "importa" a sanidade e só a utiliza como escusa para "volver dar vida a unha comisión de investigación que se vai esvaecendo". "Iso é o que necesita", antes de incidir en que o plan de traballo da comisión está en vías de "negociación".
Negociación do plan de traballo
Ante a afirmación de Pontón, que asegurou que o PPdeG trasladara ao seu grupo que a súa intención era "non negociar" o plan de traballo deste órgano (a oposición solicita, entre outras, a comparecencia Núñez Feixoo), pediu a palabra ao termo do debate, visibelmente molesto, o portavoz parlamentario popular, Alberto Pazos Couñago.
"Ou mente ou lle menten á señora Pontón. Espero que sexa a segunda", advertiu Pazos, quen advertiu que el mesmo se dirixiu ao interlocutor elixido polo BNG para instar os nacionalistas a "aclarar as súas formulacións" co fin de "chegar a un acordo".
"Díxoseme que se quería atrasar o debate sobre o plan de traballo. Porque isto é algo que teñen que saber os galegos, que en público o Bloque pide celeridade, pero despois quéreno atrasar. Moito me temo que vostedes non teñen ningún interese nesa comisión porque hai moito tempo que teñen escritas as conclusións", lamentou o portavoz popular.
"Deixen de mentir", apelou o popular, ás portas de que, este quinta feira, se reúna a Mesa que, entre outras cuestións, analizará a documentación das propostas dos plans de traballo e fixará data para fechar o plan de traballo definitivo. Ese día podería ser esta mesma sexta feira e en todo caso, os populares teñen a maioría absoluta no Pazo do Hórreo, polo que a súa postura será determinante para a listaxe definitiva de comparecencias.
Sen dereito a réplica por alusións
A intervención de Pazos Couñago provocou a acesa protesta das filas do BNG e Pontón reclamou intervir. Para iso, reivindicou que se aplicase o artigo 76.1 do regulamento da Cámara e se lle dese a palabra por alusións. A súa petición foi rexeitada polo xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, moi no foco nas últimas semanas tras unha notoria pequena liorta protagonizada no pleno anterior coa secretaria xeral do seu partido, o PPdeG, Paula Prado.
O presidente da Cámara subliñou que o artigo que esgrimía o Bloque permite a intervención ou non "a xuízo da Presidencia" e, aínda que remarcou que no caso de Pazos a "alusión" fora "obvia", engadiu que no caso dos nacionalistas non consideraba que fose así e que decidira dar por resolto "o debate".
No medio das protestas nacionalistas, Santalices recibiu as queixas da súa compañeira na Mesa do Parlamento, a vicepresidenta segunda da Cámara, Montse Prado, a quen o xefe do Lexislativo lle pediu "un pouco de institucionalidade".
Intento de "torpedear"
Pola súa parte, o PSdeG emitiu un comincado para aclarar que a falta de coñecer o calendario da comisión de investigación que se fará público esat semana, "dende o Grupo Parlamentario Socialista queremos deixar claro que o PP leva intentando torpedear esta comisión dende o primeiro momento. As nosas sospeitas fundadas indican que están tratando de evitar a comparecencia de Feijóo, así como a de varios familiares implicados, e incluso a da parella de Ayuso. Esta actitude reflicte a incomodidade que tem sempre o Partido Popular á hora de ser fiscalizado, unha incomodidade que tamén se viu reflectida cos informes do Consello de Contas, que semellan molestalos profundamente".