O BNG votará "Si" ao aumento das pensións e "Non" á súa reforma

O parlamentario nacionalista, Néstor Rego, no Congreso. (Foto: Nós Diario)
O deputado nacionalista Néstor Rego opina que o novo sistema "consolida recortes".

O BNG anunciou esta terza feira que apoiará no Congreso a convalidación do Real Decreto que recolle a revalorización das pensións para 2025 así como a prórroga de medidas como os bonos ao transporte ou a prohibición de desafiuzamentos por impagamento do aluguer. Pola contra, votará 'Non' ao que reforma de novo o sistema de pensións por consideralo regresivo para os dereitos das persoas traballadoras. Aliás, apoiará o que propón un imposto ás enerxéticas.

Neste sentido, o deputado nacionalista, Néstor Rego, valora  negativamente a nova reforma do sistema de pensións acordado no marco do chamado 'diálogo social' polo Goberno de PSOE-Sumar por "consolidar recortes anteriores e introducir novos elementos regresivos".Entre estes apunta á chamada 'xubilación demora', que incentiva que se traballe máis alá da idade de xubilación.

"Non sorprende que este Real Decreto vaia a ser aprobado cos votos favorábeis do PP, sempre especialista en recortes de dereitos para os traballadores e traballadoras”, salienta o deputado nacionalista. 

Conquista do BNG

Rego, ademais, considera insuficiente unha suba xeral de 2,8%, estabelecida en base ao 'valor medio' das taxas de variación interanual do IPC. Porén, ao recoller tamén a suba das pensións mínimas por volta de 9% e a prórroga doutras medidas sociais, o BNG votará a favor. “Queremos lembrar que a suba das pensións mínimas en maior medida e por riba do IPC é tamén unha conquista do BNG introducida no Acordo de Investidura”, indica Rego.

Por outra parte, Rego rexeita o incumprimento do Goberno "na aplicación de coeficientes redutores en profesións de evidente perigosidade" e considera “inaceptábel” a exclusión dos sindicatos soberanistas coa condición legal de ‘máis representativos’ (no caso da Galiza, a CIG) da Comisión de Seguimento. Por último, o BNG anunciou o seu voto favorábel ao Real Decreto que estabelece un imposto ás enerxéticas.