O BNG de Vigo propón nomear o auditorio do Centro Cívico de Teis como “Auditorio Moncho Reboiras”

Moncho Reboiras. (Foto: Nós Diario)

Lembra que Reboiras desenvolveu unha parte importante da súa vida e da súa militancia política e sindical na cidade de Vigo.

O BNG anunciou esta terza feira que vai solicitar formalmente que o Concello de Vigo denomine o auditorio do Centro Cívico de Teis como “Auditorio Moncho Reboiras”, no 50 aniversario do asasinato de Xosé Ramón “Moncho” Reboiras a, asasinado pola Policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, destacou que esta proposta busca render unha homenaxe “pública, visíbel e duradeira” a un militante nacionalista que desenvolveu en Vigo, gran parte da súa vida cun intenso activismo político e sindical. O BNG defende este recoñecemento como “un acto de xustiza histórica para Reboiras, declarado vítima da ditadura polo Goberno español en 2009, e para todas as persoas represaliadas polo franquismo”.

Reboiras, natural de Imo (Dodro, comarca do Sar), viviu en Vigo, no barrio de Teis, onde a súa familia rexentou o Bar Noia. Na cidade, formouse como enxeñeiro industrial e conectou coa clase obreira forxando a súa conciencia política. “Foi na nosa cidade onde Moncho desenvolvería grande parte do seu labor como organizador, quer no ámbito cultural, no social e, sobre todo, no sindical como operario en Barreras e Álvarez”, explicou Igrexas.

Reboiras destacou polo seu papel na folga de setembro de 1972 e na construción do sindicalismo nacionalista e de clase, “converténdose nun referente da loita pola liberdade e a soberanía nacional para Galiza”.

“Un recoñecemento necesario”

O BNG propón nomear o auditorio do Centro Cívico de Teis en honra a Reboiras, recoñecendo o seu “compromiso patriótico cunha Galiza soberana, a súa loita incansábel en favor das clases populares e traballadoras e a súa exemplar militancia en favor da liberdade do noso pobo fronte á ditadura”.

“Nos 50 anos do seu cruel asasinato, cremos que Moncho Reboiras merece este recoñecemento en Vigo como un acto de verdade, de xustiza e de reparación” para el e todas as vítimas do franquismo, remarcou Igrexas.