O BNG de Vigo pide revisar o plan de mobilidade da cidade para reducir os niveis de ruído e contaminación

O portavoz do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
O BNG insistiu en que Vigo continúa sendo a urbe cun maior número de vehículos por persoa de toda a península Ibérica, rexistrando cada día máis de 300.000 desprazamentos, cuns 90.000 coches.

O BNG de Vigo pediu esta sexta feira unha revisión do plan de mobilidade urbana da cidade para avanzar cara a unha urbe menos ruidosa e contaminante. Nun comunicado, a formación nacionalista reclamou un estudo de avaliación do documento, elaborado en 2014 e actualizado por última vez en 2020, ante a "falta de avances" do Goberno local nesta materia.

"12 anos despois da posta en marcha deste plan, o certo é que non se perciben grandes transformacións no que ten que ver coa mobilidade", lamentou o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas. Para el, xa é hora de que este plan "deixe de ser un extenso tomo de papel mollado" e Vigo avance cara a unha cidade na que vivir e convivir "e non só transitar".

O BNG insistiu en que Vigo continúa sendo a urbe cun maior número de vehículos por persoa de toda a península Ibérica, rexistrando cada día máis de 300.000 desprazamentos, cuns 90.000 coches. Este volume de tráfico, ao seu xuízo, tradúcese en niveis de ruído "insoportábeis", por encima do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para dous de cada tres vigueses e viguesas, deixando á súa vez unha "elevada" contaminación atmosférica.