O BNG de Vigo denuncia que o Goberno local identifica por motivos raciais e veta o acceso de feirantes ao Concello
O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta quinta feira unha "grave discriminación" do Goberno municipal de Vigo por vetar o acceso de feirantes ao Concello. A casa consistorial apareceu valada e cun operativo policial que, segundo puido comprobar a fronte nacionalista, identifica a persoas por motivos raciais e restrinxe o acceso a todas as persoas que se recoñecen como feirantes e que acoden para rexistrar documentación ante a falla de resposta da área de Seguridade.
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, trátase dunha decisión "sen precedentes e sen motivación legal", dado que as dependencias do Concello son un espazo público que debe ficar aberto a toda a cidadanía, defendeu o nacionalista.
O BNG, segundo manifestaron desde a formación, puido constatar de primeira man como os axentes da Policía Local están a filtrar e identificar o acceso de persoas ao rexistro do Concello en base a motivos raciais, como persoas de etnia xitana ou negra, permitindo o acceso libre do resto da veciñanza que non responde a estes trazos. Ás persoas que se lles impide o acceso para realizar xestións se lles deriva co 010.
"Unha medida absolutamente discriminatoria"
"Unha medida absolutamente discriminatoria e inaceptábel por parte dunha Administración pública", criticou Igrexas, quen avanzou que diante destes "feitos gravísimos" a fronte nacionalista vén de exixir por escrito explicacións do alcalde, Abel Caballero, como máximo responsábel municipal.
Aliás, a formación nacionalista tamén demanda depurar responsabilidades por unha instrución e unha operativa que, consideran, atenta contra os dereitos fundamentais das persoas ás que se lles negou o paso ás dependencias municipais en base ao operativo desenvolto esta quinta feira na cidade olívica.
"Non imos tolerar que, co pretexto da seguridade ou de previr hipotéticos incidentes, o Goberno municipal de Abel Caballero coloque barreiras raciais no acceso da Casa do Concello, que é a casa de todas e de todos", concluíu o portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego en Vigo sobre esta actuación.