O BNG urxe medidas para rematar coa discriminación das mulleres e do colectivo LGTB no deporte
O deputado do BNG Iago Suárez defenderá no vindeiro pleno da Cámara unha reforma de Lei do deporte para impulsar a "igualdade efectiva" entre homes e mulleres e "combater a discriminación" tanto ás mulleres como á comunidade LGTB.
Suárez reclamou medidas de promoción e conciliación, o impulso das seleccións galegas femininas, o equilibrio nas retransmisións deportivas dos medios públicos ou a igualdade, tanto económica como de recoñecemento social, dos premios a deportistas financiados pola Xunta da Galiza.
"Na Galiza contamos cunha Lei do deporte sen actualizar do ano 2012", asegurou Suárez, quen denunciou que "non dá resposta ás necesidades deportivas da Galiza de 2025".
O deputado nacionalista apostou por "introducir o principio de igualdade e equidade en todas as regulamentacións das federacións deportivas, garantir os orzamentos precisos para combater a fenda de xénero ou garantir que as persoas LGBT non se vexan discriminadas por practicar o deporte que elixan".
A proposta dos nacionalistas lembra que a actual Lei do deporte "fai cero mencións ao deporte feminino", o que supón "un verdadeiro agravio que ten que ser corrixido á maior brevidade".
"Unha lei de hai máis de dez anos", advertiu Suárez, "impulsada polo PP, que pasa de puntillas ou directamente nin menciona cuestións tremendamente importantes para o deporte galego en pleno século XXI, como son o deporte feminino ou a cuestión LGBT".
Comisión galega de igualdade no deporte
Suárez reclamou a creación dunha comisión galega de igualdade no deporte, cun mínimo de 50 % de mulleres, como órgano colexiado, de carácter asesor e participativo, cuxo obxectivo acadar que o acceso, a participación, a representación, a visualización e a práctica deportiva se faga en condicións de igualdade, evitando as discriminacións por razón de xénero, sexo, orientación ou identidade sexual.