O BNG, Sumar e Bildu secundan os paros laborais por Gaza con ausencias no pleno do Congreso
O BNG, Sumar e EH Bildu secundarán a convocatoria de paros e folga convocada en apoio a Palestina coas ausencias dos seus deputados e das súas deputadas durante distintos tramos do pleno do Congreso desta cuarta feira, que acollerá unha sesión de control ao Goberno español, a comparecencia da ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, e o debate dunha moción da formación nacionalista galega sobre as medidas necesarias para impulsar o sector pesqueiro da Galiza.
Mentres que centrais sindicais como Solidariedade Obreira, Alternativa Sindical de Clase (ASC) e a Confederación Xeral do Traballo (CXT), xunto con distintos colectivos sociais, convocaron unha folga de 24 horas, a CIG, CCOO e UXT optaron por partos parciais por quendas e concentracións nos centros de traballo.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, ausentarase do debate dos puntos da orde do día do pleno que teñan lugar entre as 10 e as 14 horas desta cuarta feira, secundando así o paro convocado pola Confederación Intersindical Galega (CIG).
Desta forma, pretende visibilizar a solidariedade do pobo galego co palestino, reclamar o fin do "xenocidio" e da "ocupación ilegal" e exixir medidas políticas e económicas "reais e efectivas" contra o Estado de Israel. Ademais, Rego doará o salario correspondente a esas horas de paro á Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (Unrwa) polo seu papel na axuda humanitaria ao pobo palestino.
O BNG, tamén no Parlamento da Galiza
O grupo parlamentario do BNG secundará a xornada de paro parcial convocada este 15 de outubro en contra o xenocidio que Israel está a cometer en Palestina. "Farémolo en quendas de mañá e de tarde participando en cada unha delas a metade das deputadas e deputados do grupo", salientou a formación.
"Sumámonos así á convocatoria internacional de denuncia fronte ao xenocidio que Israel está a cometer desde hai dous anos na Faixa de Gaza así como da ocupación no conxunto de Palestina", destaca o grupo nacionalista. Ademais, as 25 deputadas e deputados do BNG tamén doarán o salario correspondente á Unrwa e reclaman máis unha vez "paz e soberanía para o pobo palestino".
O PSdeG tamén se ausenta da Cámara galega
O PSdeG secundou esta cuarta feira a folga en apoio a Palestina con paros das súas representantes no Parlamento da Galiza, onde a totalidade dos e das deputadas socialista se ausentron durante unhas horas. En concreto, os nove escanos da formación no Hórreo, encabezados polo do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, permaneceron baleiros no Hemiciclo despois das votacións das proposicións non de lei, sobre as 12.30 horas, e no momento no que se substanciaron as interpelacións.
Trátase dunha parada simbólica na actividade parlamentaria en solidariedade co pobo de Palestina e en contra do xenocidio de Israel coa que a formación socialista galega traslada o seu apoio á folga convocada esta cuarta feira. Tras o paro, prevese que as representantes do PSdeG volvan aos seus escanos cando se renove o pleno na sesión da tarde.
Ausencia "ostentosa" de Sumar
O grupo parlamentario de Sumar escenificará o seu respaldo aos paros a través dun manifesto, cos seus membros portando símbolos propalestinos no Congreso e cunha ausencia "ostentosa" dos seus deputados e das súas deputadas durante algún tramo da sesión (de 10 a 12 horas). Desta forma, queren ilustrar o seu seguimento destas mobilizacións en solidariedade con Palestina.
En rolda de prensa, a súa voceira na Cámara Baixa, Verónica Martínez Barbero, aproveitou para instar á sociedade civil a "seguir tomando as rúas por Palestina" e destacou o compromiso de Sumar para acabar "coa economía do xenocidio (de Israel), o apartheid e a ocupación" de Palestina.
Podemos, apoio explícito á folga de 24 horas
Na mesma liña, o deputado de Podemos, Javier Sánchez Serna, mandou o seu apoio expreso á convocatoria de folga xeral por Gaza e animou a seguir presionando desde as rúas para "arrastrar" o Executivo español a posicións máis firmes fronte a Israel.
Aínda que a formación violeta non ten previsto ausentarse do pleno, si escenificará a súa adhesión á folga de 24 horas durante as intervencións dos seus deputados e das súas deputadas no Congreso, así como mediante as mensaxes dos seus cargos.
Bildu, pola súa parte, apoiará a citada folga promovida pola sindical vasca non participando nas actividades parlamentarias convocadas durante o paro xeral, como símbolo de adhesión ás devanditas mobilizacións e as súas reclamacións.
O portavoz adxunto da formación, Oskar Matute, recalcou que "é máis necesario que nunca seguir mobilizándose, presionando e alzando a voz en defensa do pobo palestino e do seu dereito de ter un Estado libre e soberano", tanto desde as institucións como desde as rúas.