O BNG rexeita o teito de gasto fixado pola Xunta porque suporá "recortes" no servizos públicos
O Parlamento da Galiza debate na segunda feira de 4 de agosto a proposta de teito de gasto formulada pola Xunta da Galiza.
A deputada nacionalista, Noa Presas, manifestou este domingo o "non rotundo" do BNG á proposta de teito de gasto aprobado a pasada semana polo Consello da Xunta da Galiza.
Presas cuestionou os argumentos empregados polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na presentación do proxecto, asegurando que o teito de gasto non é "nin ambicioso, nin histórico nin expansivo" senón que "traerá consigo novos recortes da prestación de servizos públicos".
Unha suba por baixo da inflación
A parlamentaria do BNG desvelou que a suba do teito de gasto é inferior ao incremento da inflación. Neste punto, criticou que "o PP presume dun aumento no teito de gasto de 223 millóns de euros, isto suporá só un 1,6 % máis, cando o custo de vida, subiu un 2,7 % ao longo do pasado 2024".
"Isto significa que hoxe prestar servizos é máis caro e, polo tanto, a Xunta vai ter menos recursos para facelo", asegurou Presas, quen denunciou que o PP usa o teito de gasto como "unha tapadeira para ocultar que a negociación importante que hai neste momento é loitar por un sistema de financiamento mellor para Galiza".
"Submisión" de Rueda
Presas denunciou a "submisión e o servilismo de Rueda ás directrices que lle marca o PP de Madrid desde Xénova, negándose a negociar de xeito bilateral co Estado a reforma do sistema actual de financiación" que "supuxo para Galiza perdas de máis de 1.500 millóns ao ano, máis do que gasta o PP en toda a política social".
"No BNG dicimos non á proposta de teito de gasto do PP e si a propostas que melloren o orzamento futuro para o noso país, mellorando a vida da xente", aseverou Presas, quen indicou que a súa formación reclamará "novas medidas de apoio aos sectores económicos nun contexto de incerteza como o que vivimos".
A deputada nacionalista avanzou que no pleno do Parlamento da segunda feira de 4 agosto o BNG defenderá a "negociación dun modelo de concerto económico que lle devolva a Galiza a chave dos seus cartos".