O BNG reclama o fin do bloqueo dos Estados Unidos contra Cuba e insta o Goberno español a apoiar a resolución da ONU
A formación nacionalista cualifica o embargo de "acto de guerra económica" e demanda que o Estado español presione Washington para eliminar a illa da lista de países patrocinadores do terrorismo.
A Executiva Nacional do BNG vén de manifestar o seu apoio ao proxecto de resolución que se votará o 29 de novembro na Asemblea Xeral da ONU baixo o título Necesidade de pór fin ao bloqueo económico, comercial e financeiro imposto polos EUA contra Cuba.
O BNG cualifica o bloqueo, que se mantén desde hai máis de seis décadas, como un "acto de guerra económica e un castigo colectivo contra o pobo cubano", denunciando que viola o Dereito Internacional e a Carta das Nacións Unidas. A organización lembra que a política de embargo provoca graves consecuencias humanitarias, limitando o acceso da poboación a medicamentos, alimentos e tecnoloxía, e impedindo o desenvolvemento soberano da illa.
"É unha inxerencia inaceptábel que busca someter pola fame e as dificultades un pobo que leva décadas defendendo a súa independencia", sinala o comunicado da Executiva Nacional.
Estado "patrocinador do terrorismo"
O BNG critica ademais que os Estados Unidos manteñan a Cuba na súa lista de "estados patrocinadores do terrorismo", unha decisión que non só prexudica a economía cubana, senón que tamén obstaculiza as relacións comerciais e financeiras doutros países con Cuba.
A formación nacionalista súmase á inmensa maioría da comunidade internacional que, ano tras ano, condena o embargo estadounidense. Na última votación decorrida en outubro de 2024, 187 Estados apoiaron o fin do bloqueo, con só dous votos en contra —Israel e EUA— e unha abstención —Moldavia—.
O BNG insta o Goberno español a votar a favor da resolución na ONU e a empregar "todos os medios" ao seu alcance para instar os EUA a levantar de forma definitiva a medida.
Finalmente, a Executiva Nacional do BNG reitera o seu apoio e solidariedade co pobo cubano, defendendo "o seu dereito a construír o seu propio camiño en paz e liberdade, sen inxerencias externas", e reivindica o dereito de autodeterminación e soberanía de Cuba, recollidos nos principios fundamentais do Dereito Internacional.